OurenseÚltima hora

O Campus de Ourense dá a benvida aos novos estudantes de intercambio

Este semestre son un total de 35 rapaces que veñen estudar á capital das Burgas provintes de Francia, Italia, Lituania, Turquía, México, Colombia ou Alemaña

Un novo semestre arranca no Campus Universitario de Ourense e, como cada ano, os alumnos de programas de intercambio estranxeiros aterran na capital para gozar dun semestre nunha nova universidade. Este semestre, o Campus recibiu un total de 35 novos alumnos estranxeiros e hoxe, 12 de setembro, tiveron a presentación.

Lituania, Italia, México, Francia, Colombia, Turquía ou Alemaña, son os países de procedencia destes estudantes. A meirande parte deles estudan na facultade de Turismo e Empresariais, aínda que tamén os hai que fan historia, ciencias ou enxeñaría.

Nesta primeira toma de contacto co Campus, estes estudantes tiveron a ocasión de coñecer a oferta cultural, deportiva e de ocio que ofrece a Universidade de Vigo aos estudantes. Ademais, tamén poderán facer un curso de lingua galega para estranxeiros, que inclúe clases teóricas e prácticas, así como excursións a diferentes puntos da nosa comunidade. Tamén ofertan outro de lingua española.

Con todo, tamén puideron coñecer a asociación ESN (Erasmus Student Network), unha asociación encargada de axudar aos estudantes de intercambio a adaptarse á cidade que os recibe. Este voluntarios actúan por toda Europa baixo o lema “students helping students” (Estudantes que axudan a estudantes) e son ex Erasmus que no seu día decidiron que querían axudar, de xeito voluntario, aos que veñen á súa cidade. Entre as actividades que organizan hai viaxes, colaboracións sociais ou actividades en escolas. Así como eventos de ocio na cidade.

Por diante quédanlle seis meses de novas experiencias e aprendizaxes. A meirande parte deles xa tiveron contacto coa cidade das Burgas e coa provincia. De feito, moitos aseguraron que o que máis lle gusta de Ourense é o Pulpo á Feira e a gastronomía en xeral, así como o termalismo.

Texto: Carlos Asensio.

Fotos: Carlos Asensio e DUVI.

Artigos relacionados

Back to top button