ConcellosEn portadaÚltima hora

Candeda (A Veiga) conta coa primeira Sofor rexistrada na provincia de Ourense

Xestionará unhas 70 hectáreas. Ademais está en trámite outra sociedade neste municipio, a de Seoane, que suporá agrupar arredor de 400 hectáreas de monte

 

A Sociedade de Fomento Forestal Candeda, situada no municipio da Veiga, é a primeira Sofor rexistrada na provincia de Ourense. Ata ela desprazábase na mañá do 4 de marzo o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e do alcalde, Juan Anta.

Nesta visita o titular de Medio Rural sinalaba que a Xunta apoia este tipo de iniciativas, que agora poden solicitar calquera tipo de asociacións, porque “ademais de mobilizar e poñer en valor os terreos forestais, propician unha explotación e un aproveitamento conxunto das terras que permite, á súa vez, a comercialización e produción conxunta dos produtos forestais.

Polo tanto, matizaba o conselleiro, “esta xestión forestal levada a cabo polos veciños permitirá restaurar os ecosistemas forestais e potenciar a multifuncionalidade do monte, tanto desde unha perspectiva económica como social e ambiental. De feito, José González destacou que na actualidade están constituídas un total de 13 Sofor en Galicia e que no municipio da Veiga está en trámite outra sociedade, a de Seoane, que suporá agrupar arredor de 400 hectáreas de monte.

Rexistro de masas de frondosas autóctonas

Ademais, na súa visita o conselleiro comprobou tamén a superficie deste concello que se poderá incorporar ao rexistro creado pola Xunta para recuperar as masas de frondosas autóctonas situadas nestes terreos, “o que sen dúbida lle dará un valor engadido a toda esta riqueza”, destacou. Este rexistro, indicou José González, permitirá aos donos destes terreos ter vantaxes fiscais e prioridade na concesión de axudas públicas.

A través deste rexistro poténciase a recuperación de masas consolidadas de frondosas, unhas masas que en Galicia ocupan case 415.000 hectáreas, dominadas principalmente por carballos, cerquiños, castiñeiros e bidueiros. No caso da Veiga, a superficie de frondosas sitúase nunhas 9.000 hectáreas e estase a traballar na posibilidade de crear un polígono piloto gandeiro-forestal, para levar a cabo un aproveitamento silvopastoril de frondosas con gando.

Finalmente, e aproveitando a súa visita a este concello, o titular de Medio Rural coñeceu a proposta de aldea modelo de Meixide, na que están recadando as firmas dos veciños, e as instalacións da empresa de xestión forestal AMETLAM S.L., beneficiaria dunha axuda Leader que permitiu crear dous novos postos de traballo e a consolidación doutros dous. Dita entidade desenvolve traballos de asesoramento técnico, xestión dos montes veciñais en man común e certificación forestal, entre outras materias.

 

Artigos relacionados

Back to top button