PolíticaÚltima hora

A candidata do BNG reúnese con apicultores do oriente ourensán

Anunciaba que o seu partido pretende crear unha marca para os produtos agrarios galegos “fronte a competencia desleal”
Un dos momentos da reunión dos candidatos do BNG por Ourense con apicultores da Mezquita.
Un dos momentos da reunión dos candidatos do BNG por Ourense con apicultores da Mezquita.

Na mañá do 5 de setembro a número un na lista do BNG por Ourense nas eleccións galegas, Noa Presas, viaxaba ata A Mezquita e mantiña un encontro cunha ducia de apicultores, no que tamén estaban presentes o número dous da candidatura ourensá, Suso Vilasánchez, e o alcalde da localidade, Rafael Pérez.

No decurso da xuntanza os apicultores manifestaban a súa situación de indefensión ante a práctica “de empresas de fóra de Galiza que, despois de facer tres colleitas no sur do Estado, transportan as súas colmeas ata fincas particulares da Mezquita, A Gudiña, Riós ou Viana, entre outros concellos, para a colleita da flor do carballo. Na maioría dos casos non solicitan os permisos pertinentes á Administración autonómica e local. E, cando se tramitan as sancións, chegan tarde ou son insuficientes como medida disuasoria para evitar que produtores de fóra diminúan a produción local.”, segundo se informa dende o BNG.

Suso Vilasánches e Noa Presas, escoitando a intervención dos apicultores.
Suso Vilasánches e Noa Presas, escoitando a intervención dos apicultores.

Ante isto, Noa Presas indicaba que o BNG impulsará os cambios precisos na lexislación en vigor “para que a norma se aplique con axilidade e coa urxencia necesaria para que se fagan efectivas as sancións”, recollendo as demandas dos apicultores. Asemade sinalaba que para campañas como a actual, onde a produción foi baixa, o BNG proporá unha “reserva nos orzamentos” para axudas en situacións coma esta.

E anunciaba que o BNG proxecta impulsar a creación “dunha marca xeral para os produtos agrarios galegos, que acabe coa competencia desleal e cos enganos de produtos feitos noutros territorios do Estado e vendidos falsamente como galegos”.

Artigos relacionados

Back to top button