PolíticaÚltima hora

Candidatos ourensáns do PP fan un tramo do Camiño de Inverno

Antes mantiñan unha reunión con membros do Instituto de Estudios Valdeorreses

 

Ata Viloira (O Barco) desprazábanse, na mañá deste xoves, dous dos membros da lista do PP por Ourense nestas eleccións galegas: o número 2, Miguel Ángel Santalices, ata agora presidente do Parlamento galego, e Moisés Blanco, o número 12. Alí reuníanse con membros do Instituto de Estudios Valdeorreses (IEV).

“Foi un encontro-café-coloquio no que puxemos en valor o traballo que levan facendo durante tantos anos dende o IEV e no que tamén lles trasladamos o noso compromiso de que, se continuamos no goberno galego, as súas publicacións poderán chegar aos centros galegos no exterior e que tamén se avanzará na dixitalización dalgunhas das súas publicacións”, explicaba Moisés Blanco.

Pola súa banda, Miguel Ángel Santalices cualificaba a reunión de “moi produtiva” e resaltaba o labor a prol da cultura local do IEV. “Recollimos as súas inquedanzas para ver como, dende o Parlamento galego, podemos apoialas xa que fan un traballo interesante de difusión da cultura e das xentes que foron relevantes nesta comarca. É moi importante preservar a historia dos nosos pobos e das nosas comarcas”, dicía o candidato popular, que tamén incidía en que, de manterse no goberno o PP, “a próxima lexislatura será a das persoas por mor do que estamos vivindo”.

Percorrido polo Camiño de Inverno

Tras a reunión con membros do IEV, os dous candidatos populares, acompañados polo alcalde da Rúa, Álvaro Fernández; e polo concelleiro vilamartinés do PP José Pinto, entre outras persoas, realizaban o tramo do Camiño de Inverno que vai do Barco ata A Rúa.

“Deste xeito queremos poñer en valor esta ruta xacobea na que a Xunta vai investir 1,7 millóns de euros en sinalización e na mellora e acondicionamento do seu trazado. Cremos que é unha aposta decidida e importante por este Camiño que está sendo cada vez máis recoñecido e que gana seguidores. Este é un xesto de recoñecemento ao Camiño de Inverno pero tamén para recalcar a seguridade, nestes momentos, dos Camiños a Santiago”, dicía Moisés Blanco.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button