En portada

Cando a riqueza está nas augas

Ourense, dobre referente termal internacional coa celebración da 13ª Termatalia e do 2º Café de Europa
Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella

Galicia lidera hoxe a oferta termal española cun 20% dos establecementos e prazas hoteleiras, seguida, a certa distancia, por Cataluña e Aragón. Conta con 21 balnearios con 150.000 usuarios ao ano, o que converte á comunidade galega nun destino termal de referencia en España. Nese marco, Ourense é a segunda provincia galega con máis balnearios. Representa un 30% no conxunto dos establecementos balnearios galegos e un 20% das prazas hoteleiras directas. Ademais hai que ter en conta que boa parte deles están situados no ámbito rural, de aí o valor deste sector para a provincia. É ademais un sector cuxo potencial turístico aínda pode seguir desenvolvéndose.

E nesa liña vén traballando dende hai máis dunha década Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, Talasoterapia e Spa, que congrega en cada edición ao sector termal ourensán, galego e doutros destinos españois e mundiais. É a única feira especializada que representa a ponte termal entre Europa e América Latina, “que reúne a profesionais de máis de 20 países e o único foro internacional que xunta a todos os axentes do sector. Trátase dun proxecto convertido nunha marca do termalismo e nun dos centros de negocios do sector a nivel mundial”, segundo os seus promotores.

O pasado ano Termatalia celebrábase por primeira vez fóra de Ourense e de España, en concreto en Perú, co obxectivo de reforzar a súa proxección internacional. Pero neste ano regresa a Ourense para desenvolver a súa 13ª edición do 20 ao 22 de setembro. Nela preténdese fomentar o intercambio de experiencias entre distintos continentes “desde un punto de vista empresarial, institucional e social, o que permitirá obter unha perspectiva global do sector, impulsando o mercado estratéxico do turismo termal e de benestar en América Latina, ao tempo que se establecen vínculos científicos e comerciais entre o continente europeo e americano”, adianta a organización.
Dentro das accións profesionais que se desenvolverán neste salón internacional figura a bolsa de contratación turística, coa participación de maioristas de viaxes procedentes de mercados de interese de Europa e América (como Brasil e Estados Unidos), Reino Unido ou Rusia, entre outros.

Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
(A reportaxe íntegra pode lerse na edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button