Andainas-Trails-OrientaciónDeportesÚltima hora

Canles romanas, arte mozárabe e covas de eremitas, na ruta de Huellas del Cabrera por Santiago de Peñalba

 

As terras bercianas, e máis en concreto as de Santiago de Peñalba, eran o destino da fermosa ruta de sendeirismo que vén de realizar nesta fin de semana a Asociación Huellas del Cabrera, percorrendo singulares lugares como a canle romana CN-2.

A ruta partía de Peñalba, “onde visitamos a súa igrexa mozárabe e as súas rúas empedradas. A saída do pobo colliamos un camiño que nos levaba á cova de San Genadio. Por un precioso carreiro entre rebolos iamos xa en busca da canle romana. Esta canle foi aberta por un grupo de alumnos de traballos forestais de Ponferrada hai uns 4 anos e desprovista de maleza, agora é transitable para andarins. Nela pódese apreciar o traballo feito hai 2.000 anos para transportar a auga ata As Médulas para a extracción de ouro pola técnica de ruina montium“, explican dende a Asociación Huellas del Cabrera.

 

 

Despois de 10 km, os camiñantes chegaban a outra bonita localidade, Montes de Valdueza, co seu impresionante mosteiro de San Pedro de Montes do século VII. “Ao longo do percorrido as vistas sobre o Val do Silencio son espectaculares. Deixamos Montes para seguir percorrendo a canle, a tramos moi marcada, para camiñar outros 9 km aproximadamente e achegarnos ao pobo de Valdefrancos, á beira do río Oza, onde finalizamos a marcha”, conclúen os participantes.

Fotos: loisfprada

Artigos relacionados

Back to top button