ConcellosÚltima hora

A cantiga “A Pulpeiriña do Arenteiro” xa está dispoñible nun libro-CD

Este traballo contén a peza creada por Felipe Senén e Xosé Luis Foxo, así como outras cancións cedidas pola Real Banda de Gaitas da Deputación
O disco está editado pola Alcaldía do Carballiño.

Os protagonistas da cantiga “Pulpeiriña do Arenteiro” déronse cita hoxe, 6 de xullo, no salón de plenos do Concello do Carballiño para presentar o CD que acaba de editar a Alcaldía con este tema musical e outras quince cancións máis cedidas pola Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.

O acto contou coa presenza do alcalde, Francisco Fumega; do autor da letra da cantiga e historiador carballiñés Felipe Senén; o autor da música e director da Real Banda de Galitas da Deputación de Ourense, Xosé Luis Foxo; o director do Coral Polifónica do Casino do Carballiño, Jaime García Pichel; do concelleiro de Educación e Cultura, Diego Fernández; do concelleiro de Turismo, José Manuel Dacal; do portavoz do grupo municipal de AV-Son, Bernardo García; da concelleira e deputada provincial do PP, Teresa Cerdeira; así como directivos da Coral do Casino e representantes de diversas entidades musicais históricas do Carballiño, como Os Liborianos. Os portavoces do PP e BNG, Argimiro Marnotes e Francisco Ferreiro, respectivamente, disculparon a súa ausencia por motivos ineludibles de traballo.

Francisco Fumega agradeceu aos autores da cantiga, así como aos intérpretes, a súa colaboración desinteresada para crear unha peza musical en honor da tradición pulpeira e da Festa do Pulpo do Carballiño.  “Agora si podemos dicir que a nosa romaría gastronómica por excelencia ten xa a súa propia cantiga”, dixo o alcalde. E engadiu que “é o resultado dun excelente traballo de Felipe Senén, de Xosé Luis Foxo e da Coral do Casino, que contén ademáis outras cancións cedidas pola Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, e dous libriños: un con vellas fotografías de pulpeiras e outras máis recentes da Festa do Pulpo, realizadas por José Luis Diz, e un segundo libriño cun texto de Felipe Senén que é unha auténtica memoria histórica dos cantares das xentes do Carballiño”. Ao respecto, Fumega evocou o “carballiñesismo” de todos os protagonistas.

Felipe Senén apelou á tradición e ao carácter de encrucillada de camiños do Carballiño para situar esta composición como un cantar de arrieiro. “Un cantar feito co corazón, según dixo, e que Foxo acompañou cunha música acorde cos cantares antigos, como un rexer do ronco da gaita e da roda dun carro”. Así mesmo, lembrou ás familias de gran tradición pulpeira que levan o nome do Carballiño polo mundo adiante, como Aurora Baranda, e a célebres artistas, como Faustino Santalices que pasaba os veráns na vila, para rematar dicindo que estaba moi agradecido polo honor de colaborar nesta creación.

Xosé Lois Foxo tamén considerou un honor ter participado nesta iniciativa, da que dixo era como conxugar o amor á cultura musical e á gastronomía. E referiuse a Felipe Senén como un dos persoeiros máis coñecedores da nosa cultura, e asegurou que compuxo a cantiga como un canto sinxelo e popular, cunha parte de “ronda” e outra de muiñeira antiga, para cantar e para bailar.

Finalmente, Jaime García Pichel dixo que o papel da Coral do Casino fora dar un aire popular e cercano á cantiga para que se cante nas casas e nas festas, e que por eso se interpretou e se gravou cunha especie de diálogo entre un tenor e unha soprano para rematar con todas as voces cantando a coro.

Ao remate do acto os protagonistas e asistentes entonaron a cantiga co acompañamento á gaita de Xosé Luis Foxo. Esta gaita que tocou data de principios do século XIX e foi a mesma que tocou o seu fillo Marco Foxo durante a gravación da canción.

O CD da Pulpeiriña do Arenteiro, do que o concello do Carballiño editou 1.000 exemplares, serán distribuidos como un agasallo da alcaldía, e contén un total de 16 cancións tradicionais gravadas pola Real Banda de Gaitas de Ourense, xunto coa cantiga Pulpeiriña do Arenteiro, que abre o CD.

Asemade, contén dous libriños con fotografías dos anos 40 e 50 de pulpeiras e outras recentes das últimas Festas do Pulpo, ademáis dun libriño cun artículo de Felipe Senén sobre a memoria histórica dos cantares no Carballiño dende os anos 50 ata finais do século XX.

Artigos relacionados

Back to top button