CulturaCulturaÚltima hora

“Capuchóns” de Íñigo Rolán, na procura da esencia do Entroido de Verín

Este documental vén de presentarse no marco do VI Festival Internacional de Curtas Vía XIV

 

Cita co Entroido na xornada deste mércores 8 de setembro no Auditorio de Verín no marco do VI Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV. Esta tarde estreábase “Capuchóns”, unha curta documental sobre o Entroido de Verín, dirixida por Íñigo Rolán Taboada como proxecto de fin de grao.

Este verinés ten colaborado en diferentes edicións do FIC Vía XIV de Verín, o que “evidencia que a canteira do certame comeza a dar os seus froitos”, resaltan dende a organización da mostra.

“Capuchóns” é unha peza, de 13 minutos, na que se recupera a través de imaxes de arquivo inéditas e testemuñas dos protagonistas do carnaval a esencia desta festa durante os anos 70, 80 e 90. A curta aborda unha época na que as celebracións mantiñan un carácter enxebre, na que a fariña estaba presente todos os días e na que as carrozas non lucían só o Domingo de Entroido. Un manifesto a prol da volta a unhas tradicións que se perderon desde hai moito anos debido á visión máis turística que colleu o Carnaval de Verín.

Tras a proxección, tiña lugar un interesante coloquio.

Tempo Documentary Festival

Xunto a isto, hoxe puido verse en Verín unha selección de curtas do Tempo Documentary Festival de Suecia, un foro cinematográfico que este ano é o festival convidado polo FIC Vía XIV. O certame escandinavo acadou neste 2021 a súa XXII edición e erixiuse, ao longo de todo este tempo, coma un foro único para a presentación de traballos documentais internacionais.

A selección de curtas deste festival sueco que puido verse en Verín incluíu os títulos “A mother´s body”; “Between these folded walls”, “Utopia”; “Lihkku!”; “Obituary” e “Voices of our time”. Simón Revilla, director dunha destas curtas (“Obituary”) achegouse ata Verín para compartir co público aspectos da rodaxe da curta.

Artigos relacionados

Back to top button