OurenseÚltima hora

O Carballiño adhírese ao programa “Apego” para promover o uso do galego no ámbito familiar

A iniciativa vén de presentarse no Concello do Carballiño coa asistencia da primeira familia que se acolle ao programa
Acto de presentación do programa “Apego” no Concello do Carballiño.

Estar empadroados no municipio do Carballiño e ter un fillo ou filla de ata seis anos como máximo. Son os requisitos para poder participar no denominado “Programa Apego”, ao que vén de adherirse o Concello do Carballiño. A iniciativa busca promover o uso do galego no ámbito familiar dende a infancia.

Á presentación deste programa tiña lugar na mañá do 5 de marzo no Concello coa presenza do concelleiro de Educacion e Cultura, Diego Fernández; o concelleiro de AV-SON, Bernardo Garcia (que presentou a moción para a adhesión ao programa Apego), e a primeira familia que solicita o acollemento ao programa, integrada por Melanie Rodríguez, Manoel Pérez e a súa filla Xoana, de seis meses.

Diego Fernández agradeceu a presenza e o interese desta familia por participar no programa e fixo fincapé na “importancia de fomentar o galego dende a infancia e en que o programa Apego facilita as ferramentas para levalo a cabo”.

En Galicia hai trinta concellos adheridos a este programa, entre os cales están a cidade de Ourense e O Carballiño, e que dispoñen do servizo de normalización lingüística. Finalmente, o edil animou ás demais familias carballiñesas con fillos de ata 6 anos para que soliciten a adscrición a este programa, que se pode facer a través do Servizo de Normalización Lingüística municipal.

Bernardo García tamén incidiu no compromiso do concello do Carballiño coa promoción do galego. No acto presentouse parte do material didáctico que se entregará ás familias cos cativos de menor idade e o resto do material para a realización de actividades que se pode baixar da páxina web apego.gal. Como feito curioso pode resaltarse que a mascota do programa é un pulpo, que leva o nome de polbo “Po”. A caixa que se entregará contén diverso material, dentro del hai un cd con cancións infantís.

Artigos relacionados

Back to top button