Galerías de fotosOurenseÚltima hora

O Carballiño reivindica a “igualdade real” con actos no Concello e na praza Maior

Máis dun cento de persoas sumábanse aos actos celebrados no Carballiño con motivo do Día Internacional da Muller. Centros educativos, entidades e asociacións reivindicaban na vila neste 8 de marzo o a “igualdade real entre mulleres e homes”. As actividades desenvolvíanse primeiro no Concello e, a continuación, na Praza Maior.

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Marina Ortega, dirixíronse aos asistentes no acto institucional celebrado no salón de plenos do concello e puxeron de manifesto a importancia da loita pola igualdade. Marina Ortega leu un manifesto no que destacou a discriminación que se produce a cotío en todos os ámbitos por cuestión de xénero.

Coa asistencia dos voceiros dos grupos municipais, Argimiro Marnotes (PP), Francisco Ferreiro (BNG) e Bernardo García (AV-SON), así como dos demais concelleiros/as da Corporación, representantes dos centros educativos Trastes, Bo Día Familia, IES nº 1 e Vila do Arenteiro, e das asociacións Aspadisi e Asdifica, interviñeron coa lectura de textos reivindicativos e de denuncia.

Ademais no decurso deste acto dábase a coñecer o fallo do VII Concurso Fotográfico “Unha mirada de xénero: A muller na súa loita”, convocado pola Concellería de Igualdade en colaboración co Centro Comercial Aberto e a Asociación Fotográfica O´Potiños. Os premiados foron: 1º Premio, Juan Manuel Moroto Romo (Aguijares-Granada); 2º Premio: María Sonia Torres Aguado (O Carballiño), e 3º Premios: José Emilio Gómez Crespo (Partovia-O Carballiño). Recibirán 300, 200 e 100 euros, respectivamente.
Finalmente, o dúo carballiñés Canela Cafuné interpretou un tema de Sés titulado “Non son fada”.

Despois deste acto, tiña lugar unha concentración na praza Maior, onde se escoitaban proclamas pola igualdade e se lían dous manifestos por parte de dúas estudiantes carballiñesas.

Fotos cedidas polo Concello do Carballiño.

Artigos relacionados

Back to top button