CulturaCulturaEntroido 2021Última hora

Carlos Ares aborda as semellanzas do Entroido ourensán co do Brasil colonial nunhas xornadas virtuais

O investigador vianés Carlos Xabier Ares./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Parece moi lonxano, tanto no espazo como no tempo, sen embargo entre o Entroido do Brasil colonial e o da provincia de Ourense hai numerosas similitudes. Así o sinala o investigador vianés Carlos Xabier Ares, gran coñecedor do Entroido galego e ultimamente ten estudado as diferentes manifestacións brasileiras. Nesas analoxías afondará na ponencia “O jogo do entrudo no Brasil colonial: semellanzas co Entroido ourensán”, que poderá verse online o vindeiro 13 de febreiro no marco das “IX Xornadas sobre o Entroido de Galiza” da Sociedade Antropolóxica Galega.

Este foro inclúe unha ducia de poñentes, dos que o único ourensán será Carlos X. Ares, cuxas intervencións poderán seguirse online na web https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/ ou ben a través do facebook da entidade.

 

 

“Neste ano 2021 no que a pandemia da Covid 19 e as súas medidas sanitarias fan imposible a celebración do Entroido tal e como é concebido, e no que os actos culturais e públicos vense reducidos para garantir a seguridade da poboación, vímonos obrigados a cancelar as nosas xornadas anuais e presenciais sobre o Entroido de Galiza”, indica o presidente da SAGA, Rafael Quintía.

Aínda así, engade, dende a SAGA “non quixemos deixar pasar esta celebración que clausura as festas do inverno, xa que non é posible dármonos cita presencialmente, como viña sendo habitual, para falar, debatir e aprender ao redor do noso Entroido, decidimos compensalo cun extenso ciclo online de conferencias, que comezará o Venres de Entroido e rematará o Domingo de Piñata. Cada día, ás 20h colgarase no noso blogue e no noso Facebook unha conferencia para que todo aquel que o desexe poida acceder libremente a ela”.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button