OurenseÚltima hora

Carlos Bardem, premio Irmandade do Libro no marco do OUFF

O galardón presentábase na mañá do 16 de novembro en rolda de prensa e o actor recibíao nun acto celebrado pola tarde no Teatro Principal de Ourense
Rolda de prensa de presentación do Premio Irmandade do Libro ao Mellor Guión Adaptado./ Foto: Daniel Gallego.
Rolda de prensa de presentación do Premio Irmandade do Libro ao Mellor Guión Adaptado./ Foto: Daniel Gallego.

Escribir e interpretar. Estas son as dúas paixóns de Carlos Bardem e nelas resúmese unha mesa inquedanza: a de contar historias. Así o confesaba na gala inaugural do 19 Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). E unhas horas despois, na mañá do 16 de novembro, incidía nesa mesma idea na presentación do Premio Irmandade do Libro ao Mellor Guión Adaptado, que nesta edición recaía neste actor pola adaptación da súa novela “Alacrán enamorado”. Nela agradecía o recoñecemento que considera “algo realmente fermoso” xa que vén a premiar as súas dúas paixóns.

O filme “Alacrán enamorado”, que se estreaba en abril do 2013, é a adapatación ao cine da novela homónima escrita polo propio Bardem. Para a adaptación do guión, contou coa axuda de Santiago A. Zannou, quen tamén é director da película. ”Eu tiven a sorte de ver ás miñas personaxes a través dos ollos de alguén cunha enorme sensibilidade. A metade deste premio é seu” dicía lembrándose do seu compañeiro.

Nesta rolda prensa, ademais de Bardem, participaban Ana Garrido, concelleira de Cultura e Educación; Pilar Rodríguez, presidenta da Federación de Libreiros; e Nora Sola, directora do 19 OUFF. A concelleira fixo fincapé na súa intervención na relación que une á literatura e ao cinema e tamén agradeceu a presenza de Carlos Bardem porque “o festival de cine é da cidade, pero tamén de todos os que nos acompañan, todos facemos cidade, todos facemos cine.” Pola súa banda, Nora Sola, animaba de novo á cidadanía a participar nas actividades do OUFF.

Carlos Bardem recollendo o galardón./ Foto: Daniel Gallego.
Carlos Bardem recollendo o galardón./ Foto: Daniel Gallego.
O Premio Irmandade do Libro ao Mellor Guión Adaptado foi creado no ano 1991 pola Federación de Libreiros de Galicia e entregábase nun acto homenaxe celebrado na tarde do domingo 16 de novembro no Teatro Principal de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button