CulturaCulturaÚltima hora

Carlos Casares estará moi presente na Feira do Libro de Ourense

Un total de 14 casetas, moitas delas de literatura especializada, tomarán a rúa do Paseo dende mañá, 31 de maio, até o 4 de xuño. Tamén haberá actividades e obradoiros
José Manuel García, Belén Iglesias, Anxo Lorenzo e Rosendo Fernández. // Foto: Carlos Asensio. 

Os libros tomarán a rúa do Paseo dende mañá, 31 de maio, até o próximo 4 de xuño na trixésimo terceira Feira do Libro de Ourense que se presenta baixo o lema “A Ledicia de ler”. O pregón deste ano “é un privilexio”, así o cualificou o presidente da Asociación de Libreiros de Ourense, José Manuel García, xa que será o irmán de Carlos Casares, homenaxeado nas Letras Galegas 2017, o ourensán Xabier Casares. De feito, esta feira do libro xirará en torno ao autor “promotor da cultura ourensá”, dixo José Manuel García. De feito, esa homenaxe pecharase co espectáculo musical “O Mundo de Carliños”, de Luís Vallecillo, como peche da feira, o 4 de xuño ás 19:30 horas.

Pero esta non será a única novidade desta feira, xa que, grazas á colaboración coa Asociación de Persoas Xordas de Galicia, o acto de inauguración será transmitido á linguaxe de signos. Esta federación “tamén estará presente na feira con diferentes actividades, como contacontos en linguaxe de signos e un obradoiro básico sobre esta linguaxe”, explicou García. Tamén para este ano, o número de postos de venda aumenta en 4 casetas máis, procedentes de librarías doutras localidades. Así, no paseo concentraranse un total de 14 puntos de venda de diferentes libreiros ourensáns.

Durante o transcurso da Feira, máis de 25 escritores e persoas do mundo do libro estarán presentes na mesma: “contaremos coa presenza dos gañadores do Premio Vicente Risco, o de Poesía Cidade de Ourense e os gañadores do Blanco Amor”, dixo o presidente dos Libreiros. A todos estes súmanse outros autores de poesía novos e outros coñecidos. Tamén estarán presentes as novelistas. A todo isto súmanse obradoiros de artesanía , contacontos e espectáculos musicais.
Na presentación de hoxe, 30 de maio, tamén estivo o Secretario Xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, que asegurou que durante os próximos días “os libros serán os protagonistas da cidade que viu nacer a Carlos Casares”. Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, dixo que lle pareceu moi acertado o lema deste ano “porque convén ler, xa que o que non entra de fóra, non pode saír de dentro”, dixo en ton solemne. Finalmente, a concelleira de Cultura de Ourense, Belén Iglesias, felicitou o traballo dos libreiros por facer posible esta feira. E salientou que esta foi “unha primavera literaria para Ourense”, pola homenaxe das Letras Galegas no “ano de Casares”.

Durante toda a feira todos os libros terán un 10% de desconto. Asemade faranse sorteos de libros e de estancias en hoteis balneario entre os visitantes que merquen libros na feira.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button