ConcellosÚltima hora

Carlos Diéguez, natural de San Xoán de Río, medalla de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias

Entre os galardoados nesta edición coas medallas tamén estaba o alaricano José Luis Mascareñas

O investigador Carlos Diéguez, natural de San Xoán de Río./ Foto: USC.

 

Entre os investigadores que na mañá deste martes 8 de outubro recibían as Medallas de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) figuran dous ourensáns. Un deles é Carlos Diéguez González, natural de San Xoán de Río.

Así a medalla Ánxeles Alvariño, da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde, correspondíalle a este investigador, nado en Río en 1955, que é director do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS). Este catedrático de Fisioloxía da USC, con máis de 35 anos de carreira investigadora, é un referente a nivel mundial no campo da neuroendocrinoloxía.

Os seus máis de 580 artigos científicos foron publicados en revistas de gran prestixio como Nature ou The Lancet e ten dirixido máis de 40 proxectos de investigación. Entre os galardóns que recibiu figuran a medalla de ouro da Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición e o Premio Geoffrey Harris da Sociedade Europea de Endocrinoloxía, segundo a información da Universidade de Santiago de Compostela.

 

Este investigador de Río no momento de recoller o seu recoñecemento.

 

A entrega das medallas tiña lugar hoxe durante o acto académico de celebración do Día da Ciencia en Galicia, no Colexio de Fonseca, no que tamén se homenaxeou a figura de Tomás Batuecas, referente internacional na determinación dos pesos atómicos dos elementos químicos, e se leva a cabo a entrega dos Premios de Investigación Ernesto Viéitez. As Medallas de Investigación da RAGC distinguen a científicos e científicas de prestixio que desenvolvesen a maior parte da súa carreira investigadora en Galicia en cada unha das súas cinco seccións.

 

Os premiados nesta edición, entre os que tamén está o alaricano José Luis Mascareñas.

 

Entre os distinguidos neste acto había outro ourensán. Trátase do director científico do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), José Luis Mascareñas (Allariz, 1961), que obtiña a medalla Antonio Casares Rodríguez, da sección de Química e Xeoloxía.

Mascareñas, catedrático de Química Orgánica da USC, é considerado un dos responsables da introdución en España da química biolóxica. Foi merecedor dunha Advanced Grant, a axuda de investigación máis prestixiosa do Consello Europeo de Investigación (ERC). Conta tamén coa Medalla de Ouro da Real Sociedade Española de Química, institución que lle encomendou a fundación do Grupo Especializado de Química Biolóxica.

 

Artigos relacionados

Back to top button