CulturaCulturaEspecial Cristo 2016Galerías de fotosÚltima hora

Carlos Moreyra fai agromar do barro un universo de faces no Barco

Este escultor arxentino despregaba no escenario do Teatro Lauro Olmo un intenso, sorprendente e emocionante xogo coa arxila

Co rostro do Nazareno en barro, coa súa coroa de espiñas, concluía o artista arxentino Carlos Moreyra o espectáculo “El Barro y yo” sobre o escenario do Teatro Lauro Olmo do Barco. Facíao ademais nunha data moi especial para esta vila, a do 14 de setembro, na que se celebra o día grande das Festas do Cristo.

Eran corenta e cinco minutos nos que a unha velocidade de vertixe Moreyras facía abrollar sobre o barro multitude de faces, algunha feminina, outras masculinas, case sempre evocadores da súa terra e das súa vivencias, ao ritmo dunha música cuxa intensidade ía marcando o ritmo dos movementos do escultor, seguido atentamente por un sorprendido público.

Ese abano de rostros fundíase finalmente para dar lugar ao de Cristo, con cuxa imaxe finalizaba a actuación, en medio dun gran e emotivo aplauso. “Que Cristo estea sempre no noso corazón e sexamos cada vez mellores persoas para facer un mundo mellor. Moitas grazas”, concluía Moreyra.

De seguido, a artista Laura Duben, tamén de orixe arxentina pero afincada no Barco dende hai anos, explicaba que este espectáculo abre unha serie de xornadas ou seminarios de arte precolombino que Moreyras impartirá en diferentes puntos de Galicia e nos que estará acompañada polo profesor Leonardo Corazza. “Iremos a Ourense, Santiago e tamén estaremos en Vilamartín, onde elaboraremos un mural referido aos viticultores. E seguiremos traballando pola cultura e pola arte”.

Os asistentes a este acto tamén podían achegarse á obra de Carlos Moreyra nunha exposición instalada no hall do Teatro Lauro Olmo. Nela amosábanse diversos tipos de cerámica aborixe realizada por este artista.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close