CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Carlos Núñez comezará a súa xira “Lugares máxicos” no Mosteiro de Oseira

O programa levará este verán ao gaiteiro galego máis internacional, por diferentes localizacións da provincia de Ourense
Carlos Núñez nun concerto no Santuario de Cadeiras en Sober. /Foto: Carlos G. Hervella.

Serán “concertos moi divertidos nos que faremos un percorrido por mil anos de música, pero por riba de todo será un acto de amor polo país”. Así resume o gaiteiro Carlos Núñez, a súa xira de concertos “Lugares máxicos”, que o levará por diferentes localizacións da provincia de Ourense ao longo dos meses de xullo e agosto para tocar en marcos do patrimonio histórico-artístico.

Os mosteiros de Oseira, Celanova e Santo Estevo, o Castelo de Monterrei e o Templo da Veracruz do Carballiño serán os lugares onde o máis internacional dos gaiteiros galegos amose o seu compromiso pola terra, “un acontecemento musical máxico polos lugares e polo protagonista”, dixo na presentación o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen agradeceu “a aposta de Carlos Núñez por Ourense, un artista que utiliza a música como elemento de comunicación interxeneracional e internacional”, agradecendo “o apoio que prestan os concellos e os alcaldes de san Cristovo de Cea, O Carballiño, Celanova, Monterrei e Nogueira de Ramuín para acoller estes concertos que unen cultura, historia e talento, coa cooperación da Deputación”. Carlos Núñez remarcou a importancia da música tradicional como “chave para darlle vida á historia e as músicas medievais”.

O programa dos concertos comezará o vindeiro 21 de xullo no Mosteiro de Oseira onde Carlos estará acompañado por once nenos que interpretarán melodías cos instrumentos do Pórtico do Paraíso. O día 22 actuará no Templo da Veracruz, no Carballiño; e o día 24, no Mosteiro de Celanova. Posteriormente, o 4 de agosto o escenario será o Castelo de Monterrei, rematando a xira o 5 de agosto no Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.

 

O gaiteiro Carlos Núñez e o presidente da Deputación Manuel Baltar, na presentación da xira.

Artigos relacionados

Back to top button