CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Carlos Santos: “Non se entende a vida de José Antonio Gurriarán sen a súa relación co resto do mundo”

O xornalista e escritor impartiu unha charla sobre o seu tío na homenaxe organizada polo IEV

 

É escritor e xornalista (actualmente dirixe o programa cultural “Entre dos Luces de RNE) pero Carlos Santos Gurriarán é sobre todo sobriño de José Antonio Gurriarán, de quen herdou moitas das súas paixóns e gustos. “Son xornalista por culpa e sobre todo grazas ao meu tío”, asegura, lembrando que aprendeu a ler cos titulares do diario Pueblo no que traballaba. Por iso, ninguén mellor que el para impartir unha conferencia sobre a súa vida e obra, no acto de homenaxe organizado polo IEV que se celebraba na tarde do 1 de febreiro no Casino do Barco de Valdeorras.

 

Carlos Santos durante a conferencia sobre o seu tío, José Antonio Gurriarán.

 

Un acto ao que acudía a familia do homenaxeado, José Antonio Gurriarán (Valdeorrés Ilustre e Membro de Mérito do Instituto de Estudos Valdeorreses), dende a súa viúva e fillos ata irmáns, sobriños e tamén coñecidos, e que comezaba con música. Primeiro da man de José Ramón Iglesias Seara que interpretou varios temas galegos e despois do propio conferenciante quen, tras a presentación por parte do presidente do IEV Aurelio Blanco Trincado, amenizou aos presentes cunha selección dalgúns dos temas favoritos do seu tío, porque tal como explicou Santos Gurriarán “a musical é unha faceta quizais menos coñecida por vostedes de José Antonio Gurriarán, pero tocaba a guitarra e a pandeireta e cantaba moi ben. Eu quería cantar como el e hai cancións que forman parte da miña vida por terllas escoitado a el unha e outra vez”.

 

Familiares de José Antonio Gurriarán na homenaxe.

 

Tralo repertorio polos gustos do seu tío, o conferenciante fixo un repaso polo legado moral, intelectual, cultural, vital e cívico do xornalista barquense falecido hai case un ano, “como escritor, periodista e sobre todo excelente persoa, cargada de valores humanos. Un home de conviccións, de ideas, de criterio, que vivía intensamente cada momento da vida sen deixar que as enfemidades, os golpes da vida e os atrancos, lle quitasen un ápice da enerxía que o caracterizaba; pero non era un vividor, senón que vivía con, en, para, polos demais,… nunca para el mesmo. Non se entende a súa vida sen a súa relación co resto do mundo, era un ser social por excelencia”, asegurou Carlos, sendo capaz de definir a José Antonio con palabras que empezan con cada unha das letras do abecedario, utlizando incluso varias. Co A, alegría de vivir e convivir, acción, ánimo ou arroxo; co B, Barco e a bomba do antentado que case o mata hai décadas; co C, compromiso, civismo, coraxe, criterio ou curiosidade; co D, diálogo, discusión, debate; co E, esixencia, ética, empatía ou enerxía; co T, tenacidade…

José Antonio Gurriarán foi sen dúbida un gran profesional “mestre de periodistas”, dixo Santos e sobre todo un home que “sabía vivir e convivir, sen límites como periodista á hora de querer saber por que”, que deixou un gran legado. E con este acto o IEV quixo renderlle a el e á súa familia, unha máis que merecida homenaxe na súa benquerida terra.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button