CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

Carlos X. Ares Pérez: “As festas e rituais de inverno son da xente e destacan polo seu arraigo”

Este investigador social vianés vén de recibir en Castro Caldelas o XXIII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais

 

A provincia de Ourense conserva unha gran variedade e cantidade de celebracións de inverno. O marco xeográfico rural e de montaña no que se desenvolven fixo posible que pervivisen e mantivesen e a súa autenticidade. Unha delas é o Entroido, que descubriu sendo ben cativo Carlos X. Ares Pérez e no que leva mergullado dende entón, tanto como investigador como tocando no Fulión Alternativo de Viana do Bolo.

“Dende neno preguntábame o porqué das cousas, por que tocamos aixadas e bombos e non outro tipo de instrumentos, por que se bota fariña, por que as máscaras saen en moitos sitios e corren por riba das hortas e non pola estrada… E o que fixen foi, pouco a pouco, ir estudando todo iso, lin libros dese tema e saín ao campo, preparei as entrevistas para falar coa xente”, comenta este estudoso vianés. Foi un labor de anos que plasmaba nun traballo titulado “Festividades de inverno na provincia de Ourense. Máscaras, personaxes e rituais”. Con el ganaba o XXIII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, que recollía este sábado 16 de novembro no salón nobre do Castelo de Castro Caldelas.

 

 

“Para min este premio é un orgullo”, comentaba ao inicio do seu discurso, cun gran capítulo de agradecementos para as entidades convocantes do galardón, a Fundación Carlos Casares, a Sociedade Antropolóxica Galega, o Concello de Viana do Bolo (representado no acto pola súa edil de Cultura, Graciela Diéguez), a comunidade educativa do IES Carlos Casares de Viana, ao Periódico O SIL, a todos os seus informantes e, de xeito especial, á súa familia, que o acompañaba nesta entrega, e a cuxos membros nomeaba un a un, cunha mención en particular para o seu pai falecido. “Sen este equipo gañador sería imposible que eu puidera facer todo isto”, resaltaba.

Deseguido, centrábase no obxecto do traballo ganador: as festas de inverno, incidindo no seu forte arraigo entre a xente dos lugares onde se celebran, comentando como “se foron transmitindo de xeración en xeración. As festas de inverno son da xente e é coa xente con quen hai que falar delas, e aí cando se descubre o que significan para esas persoas”, comentaba.

 

 

Nesta obra Carlos Ares achégase a este tipo de festas no 60% dos concellos da provincia, cun alcance de 150 núcleos de poboación. No seu estudo percorre as orixes, características e desenvolvemento das celebracións de Nadal, festas ígneas (como os fachós de Castro Caldelas e os de Oímbra), romarías como a do San Antón e o ciclo do Entroido. Inclúe ademais un catálogo de máscaras, personaxes e rituais por cada concello, tocando ademais cuestións como a perda deste valioso patrimonio e a súa recuperación.

 

 

“O autor, a partir dun extenso traballo de campo, realiza unha catalogación dos personaxes e das figuras do Entroido e das festas de inverno ourensás. O traballo poderá ser moi interesante para un coñecemento público das figuras que protagonizan estas festividades”, tal e como se reflexaba na acta do xurado do premio, que lía  un dos seus membros, Manuel Carrete, antes da intervención do autor galardoado, que finalizaba o seu discurso citando a Vicente Risco e manifestando que “agardo que a miña obra sexa un elo máis nesa cadea que divulga a tradición galega, aí tedes o traballo, agora deixa de ser de todo meu, pasa a ser voso, agardo que o disfrutedes”.

 

 

Durante este acto tamén tomaban a palabra as alcaldesas de Castro Caldelas e de Allariz, Sara Inés Vega e Cristina Cid, respectivamente, así como o presidente da Fundación Vicente Risco, Luis Martínez-Risco; e o deputado provincial Miguel Cid; e Manuel Luís Tibério, o presidente da Escola de Ciências Humanas e Sociais (ECHS) da UTAD. No seu decurso actuaba María do Ceo. A entrega finalizaba coa sinatura dos libros, xa editados (por D. Alveiros), deste traballo.

Fotos: Carlos G. Hervella, agás as sete últimas da galería que son cedidas por Antonio Ares Pérez.

 

Carlos Ares, asinando o seu libro./ Foto: Antonio Ares.

 

Artigos relacionados

Back to top button