OurenseÚltima hora

Carmen Lomana abrirá as novas xornadas “Ourense é comercio”

A edición 2016, presentada hoxe pola Federación de Comercio, arrinca este mércores con entrada libre
Imaxe da rúa do Paseo, unha das rúas máis céntricas do comercio ourensán.
Imaxe da rúa do Paseo, unha das rúas máis céntricas do comercio ourensán.

A Federación de Comercio de Ourense vén de presentar a edición 2016 das xornadas “Ourense é comercio”, unha iniciativa que busca revitalizar o comercio de proximidade e impulsar o consumo mediante a dinamización comercial. Nesta ocasión, farao da man da mediática Carmen Lomana, que protagonizará a primeira desas xornadas xunto coa influencer ourensá Cristina Bermúdez, con máis de 30.000 seguidores en Instagram. A cita será este mércores, 5 de outubro, ás 20:30 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel. A entrada é gratuíta.

Nesta primeira xornada, Lomana e Bermúdez contarán as súas experiencias de compra e as súas relacións co sector da moda e do consumo. Tamén está previsto un coloquio no que se dará acceso ao público, que terá oportunidade de participar con preguntas.

A segunda das xornadas será o vindeiro 11 de outubro, tamén ás 20:30 horas no Marcos Valcárcel. Nesta ocasión, a iniciativa contará coa presenza do humorista Moncho Borrajo. Falará das novas oportunidades de negocio no eido da moda, relacionadas co mundo das artes escénicas e dos espectáculos baixo o título “Novos xeitos de vender”.

Esta é unha iniciativa que se mantén da estratexia que viña desenvolvendo a anterior directiva da Federación, agora liderada por Beatriz Gómez. Ela mesma subliñou a “importancia” destas iniciativas “á hora de darlle visibilidade ao comercio local e de amosar o valor social e económico que ten a provincia de Ourense”. Tamén estivo presente nesta presentación o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, que destacou o papel do comercio local como “sinal de identidade”, tratándose dun “sector familiar, proximo e de calidade”.

Artigos relacionados

Back to top button