DeportesÚltima hora

A Carreira Solidaria do Arenteiro, no Carballiño, espera xuntar a 600 corredores o domingo

O obxectivo deste evento deportivo é recadar alimentos non perecedoiros para Cáritas
Presentación do evento no Concello do Carballiño.

Ao redor de 600 persoas participarán este domingo, 10 de decembro, na novena Carreira Solidaria do Arenteiro, que sairá ás once da mañá da Praza da Veracruz, cun percorrido de dez quilómetros cuxo obxectivo é a recollida de alimentos para Cáritas.

A proba absoluta, cuxa saída e meta será na Praza da Veracruz, transcorrerá polas rúas do casco urbano, parque municipal, parque etnográfico, zona residencial e sendeiro do Arenteiro. Mentres que a dos menores irá só ata o parque, e os máis cativos terán un percorrido arredor da Praza da Veracruz.

Neste mesmo lugar instalarase unha gran carpa onde se entregarán os dorsais e se recollerán os alimentos. Asemade, farase entrega ao remate da carreira dos agasallos aos participantes.

José Manuel Dacal, concelleiro de Deportes, asegurou na presentación de hoxe, 5 de decembro, que “é unha das grandes probas de atletismo da provincia”, e que esperaba unha gran participación e recollida de alimentos non perecedeiros para entregar a Cáritas.

Precisamente, en nome de Cáritas, Juan Estévez, agradeceu a colaboración do concello e pediu aos participantes a donación de dous quilogramos de produtos alimenticios non perecedeiros por inscrición, que irán destinados ás 250 familias da comarca que se atopan en situación máis precaria.

Pola súa parte, Luis Iglesias, actual campión da carreira, recomendou efectuar as inscricións canto antes e aseguorou que xa se estaba realizando o sorteo de agasallos, que nesta edición son numerosos. Finalmente, pediu disculpas aos veciños e conductores polos cortes no tráfico rodado que se producirán este domingo no Carballiño entre as 11:00 e as 12:30 horas.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button