Galerías de fotosSanidadeÚltima hora

Carrilleiras e Linguado para os pacientes ingresados no Nadal no CHUO

O Complexo ourensán preparará unha variada oferta para os pacientes que pasen os días de Noiteboa, Nadal, Ano Vello e Aninovo no hospital

O Complexo Hospitalario Universitario de Ourense presentou hoxe, 20 de decembro, os menús que van a tomar os pacientes ingresados e o persoal sanitario de garda na cea do 24 e o xantar 25 de decembro e o mesmo para o día de Ano Vello e Aninovo (31 de decembro e 1 de xaneiro). O complexo ourensán ofreceu unha degustación dos mesmos aos xornalistas e o persoal sanitario.

En concreto, na cea de Noiteboa, van poder cear de primeiro crema de cabaza con crocante de xamón. De prato forte haberá linguado á prancha con patacas torneadas ao vapor e ensalada de brotes tenros. Todo isto cunha sobremesa de Nadal de polvoróns, mazapán, turrón de xema e mantecados.

Para xantar o 25 de decembro haberá unha crema con picatostes de primeiro e de segundo carrilleiras estofadas con patacas asadas e xardineira de hortalizas, un prato no que tanto os xornalistas como o persoal coincidiron na calidade tanto en sabor como en produto. Finalmente, piña de sobremesa.

Para despedir o ano, os pacientes recibirán un menú que comeza cunha crema de espárragos trigueros seguido dunha suprema de pescada ás dúas salsas con pataca torneada ao vapor, para rematar coa sobremesa de Nadal e as uvas da sorte.

Xa entrados no 2018, o primeiro xantar será cunha menestra de verduras con xamón e un redondo de tenreira con patacas asadas, culminando cun flan de ovo de sobremesa.

O xerente da EOXI de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, Dionisio López Vellido, asegurou de entrada que “o meu desexo sería que ninguén tivese que probar estes menús”. Así é todo, López Vellido dixo que “ninguén ten por que perder de cear ben nestes días tan sinalados” e que por iso preparan esta carta.

O responsable de Alimentación e Cociña do CHUO, Antonio Pazos, explicou que tamén traballan co departamento de Dietética e Alimentación para “ver como debemos de cambiar estes menús para atender a eses pacientes con necesidades alimentarias específicas”.

Fotos: Carlos Asensio.

Menús.

Artigos relacionados

Back to top button