ColaboraciónsOpinión

Carta ao director

Fóisenos a nosa adorada nai e avoa. Un infarto levouna o pasado día 7 de setembro. A súa morte prodúcenos unha inmensa dor que se incrementa ao pensar que se o noso Hospital Comarcal de Valdeorras estivese mellor dotado, ou se o CHOU estivese máis preto, igual podería seguir con vida.

Sería posible salvala se non tivese que viaxar 120 quilómetros nunha ambulancia (non había helicóptero dispoñible) para atopar un cardiólogo?. Non temos resposta a esta pregunta, pero si podemos e debemos loitar para que isto non se repita. Ese mesmo día faleceu en Ourense outro veciño do Barco, tamén dun infarto.

Sabemos que non é posible que un hospital comarcal dispoña de todos os equipos especializados para resolver todas as situacións de emerxencia, pero si que é esixible que haxa especialistas (e non só pasando consulta) que poidan asistir en primeira instancia a pacientes que deban ser trasladados. Tamén é esixible que os tempos de traslado se reduzan ao máximo. Para un hospital como o de Valdeorras, a unha hora e media por estrada do centro de referencia, dispor dun helicóptero de uso preferente e con capacidade para voar con néboa ou de noite, que os hai, é unha imperiosa necesidade.

Levamos moitos anos asistindo a un sistemático desmantelamento do Hospital Comarcal de Valdeorras ata case quedar reducido a un consultorio de especialidades. Os recortes practicados na sanidade pública nos anos da mal chamada crise repercutiron de maneira especial nos servizos de hospitais como o noso. Cando isto sucede non se pode dicir que “os ourensáns, vivan onde vivan, teñan as mesmas posibilidades de acceso, forma e especialidade” como afirmaba Dionisio López Bellido, responsable da asistencia sanitaria en Ourense hai uns días nunha entrevista.
Os dirixentes que nos gobernan sentirán igual que eu a morte dos seus seres queridos, pero seguramente nunca terán que pasar a dor e a angustia que supón hora e media de traslado dunha persoa que se debate entre a vida e a morte, tratando de acceder á asistencia que por dereito lle corresponde.

Isabel Rodríguez Docampo

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close