ColaboraciónsOpiniónÚltima hora

Carta de agradecemento ao Club Montaña Trives

Olga Álvarez Herrerín, secretaria da directiva fundadora do Club Montaña Trives no acto de celebración do 25 aniversario desta entidade./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

En primeiro lugar, quérovos felicitar por esta nova edición das Xornadas Micolóxicas que como cabía esperar, foron todo un éxito. E, ademais, por todas as actividades que organizades ao longo de todo o ano.

Estades a facer un labor moi salientable e moi importante, pois proporcionades alternativas de lecer no medio rural, onde por regra xeral, son un tanto limitadas. Sumado a isto e aproveitando os medios tecnolóxicos dos que dispomos, dades a coñecer este recóndito pero marabilloso lugar que é A Pobra de Trives.

Dá xenio ver como, despois de 25 anos de existencia do Club Montaña Trives, a práctica dun deporte tan bonito como o esquí se foi expandindo e popularizando. Todo isto, grazas ao traballo desinteresado dun grupo de mozos que poñen todo o seu esforzo e empeño para que isto saia adiante e funcione.

Vaia unha especial lembranza a todas as directivas que transcorreron dende a primeira e a actual, así coma a todas esas persoas que na sombra e desinteresadamente traballaron e aportaron o seu coñecemento para que ano tras ano seguira funcionando este club.

Dende aquí, quero agradecervos moitísimo os agasallos e o recoñecemento que tivestes connosco. O día da celebración non fun quen de facelo, son humana e non puiden, nese momento, controlar a miña emoción, quedando en branco sen ser capaz de pronunciar unha soa palabra, dicindo…. Nada.

Grazas ao presidente actual, Breogán e a Tamara (unha das nosas discípulas) pola aperta tan emotiva que recibín de vós.

Moitas grazas a toda a directiva actual e moito ánimo para que sigades a facer as cousas tan ben e con tanto empeño!!!!!

María Olga Álvarez Herrerín
Secretaria da directiva fundadora

Artigos relacionados

Back to top button