CulturaCulturaÚltima hora

Cartelle adquire a casa natal de Carlos Velo e crea unha fundación co nome do cineasta

Miguel Anxo Fernández, Antonio Piñeiro, Carmen Leyte e Xosé Manuel Rodríguez.

A Fundación Carlos Velo encargarase de divulgar a traxectoria vital e profesional do cineasta “máis internacional que deu a provincia de Ourense”, así o dixeron na presentación de hoxe, 8 de maio no Liceo, a alcaldesa de Cartelle, Carmen Leyte, acompañada dos patróns que rexentarán os destinos de devandita función. En concreto son o crítico de cine e profesor universitario e vicepresidente da fundación, Miguel Anxo Rodríguez, o xornalista Xosé Manuel Rodríguez e o xestor cultural Antonio Piñeiro, en representación do resto de patróns da Fundación. Entre eses patróns está a figura da neta de Carlos Velo, Laura Gardos Velo, como presidenta de honra desta nova entidade cultural.

Pola súa banda, o Concello de Cartelle é a principal institución promotora desta Fundación Carlos Velo.

O cineasta contará, a partir de agora, cun foro diverso e plural que dedicará os seus folgos a transformar a súa casa natal de Cartelle nun referente cultural do ámbito do audiovisual galego.

Ao acto de presentación tamén acudiu o presidente da Deputación, José Manuel Baltar, xa que a institución que preside fará unha aportación económica para o arranque deste colectivo, cunha exposición sobre Carlos Velo fotógrafo, que poderá verse no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”.

A alcaldesa de Cartelle, Carmen Leyte, realizou unha pequena explicación do proceso previo que desenvolveron no Concello para levar a cabo a constitución desta Fundación: “iniciouse coa declaración de fillo predilecto de Cartelle a Carlos Velo, así como a adquisición da súa casa natal, situada na localidade que lle dá nome ao municipio e que tivo como último habitante ao irmán de Carlos Velo, Castror”. Para a rexedora municipal o principal reto da Fundación Carlos Velo “é o de estar á altura da dimensión internacional que ten a propia figura do cineasta, sobre o que están a traballar en moi diversos lugares”, dixo.

Como exemplo, dixo que a semana pasada o profesor de Teoría da Literatura da Universidade da Coruña, José María Paz Gago, quen tamén forma parte da fundación, clausurou un congreso sobre Juan Rulfo en Cáceres, falando do escritor e da súa novela “Pedro Páramo”, así como sobre a película que Carlos Velo realizou hai agora 50 anos, adaptando esta coñecida novela ao cine.

Entre as actividades que farán na Fundación, explicou Carmen Leyte, están unha exposición que se presentará en Ourense no outono, así como a posible creación dunha bolsa de estudios “Carlos Velo”.

Pola súa banda, o vicepresidente da Fundación e especialista na figura de Carlos Velo, o crítico de cine e biógrafo do cineasta, Miguel Anxo Fernández, ratificou o interese que Carlos Velo está espertando en diversos foros internacionais e mesmo en México, entendendo que “un dos aspectos máis salientables sobre os que debe traballar esta fundación é sobre o documentalismo, esperando que nun futuro non moi longo pola Casa de Cartelle pasen ao longo do ano un sen número de referencias ligadas ao audiovisual galego”, dixo.

A Deputación fará unha exposición fotográfica no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Artigos relacionados

Back to top button