Galerías de fotosOurenseÚltima hora

O concello inicia obras “en breves semanas” para mellorar a eficiencia enerxética

O vicepresidente da Xunta visita co alcalde as dependencias que se someterán a esta segunda fase de remodelacións, sufragada con 50.000 euros do goberno autonómico

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, desprazouse esta mañá até Ourense para tratar diversos asuntos co alcalde da cidade, Jesús Vázquez, en materia de colaboración entre ambas administracións. Un dos temas abordados foi a remodelación da casa consistorial, que iniciará a súa segunda fase “en breves semanas”, segundo as previsións do rexedor. As actuacións centraranse en mellorar a eficiencia enerxética e serán financiadas cunha partida de 50.000 euros que a Xunta adica do “superávit de responsabilidade”. “Son cartos que a Xunta ten a maiores grazas a cumplir co déficit público”, apuntou Rueda.

Así, está previsto o cambio de ventás, portas e a carpintería de madeira da planta baixa e do terceiro piso. De igual xeito se procederá á substitución das claraboias, que se encontran en mal estado debido a filtracións de humidade. Tamén se actuará sobre a madeira da escalinata principal do consistorio e se pintará o artesanado do porche exterior.

Ambos representantes, coa compaña da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, fixeron un percorrido polas dependencias para comprobar a necesidade dos arranxos, que Vázquez desexa completar nun futuro cunha terceira e cuarta fase de reformas. “O ano pasado comezamos un proceso de remodelación na planta segunda que producíu un aforro sustancial de 28.000 euros, na medida en que hoxe xa hai distintos servizos que antes estaban localizados noutros alugueres e que neste momento están desenvolvendo o seu traballo aquí”, dixo.

Pola súa banda, Rueda enmarca esta axuda, que se suma á do ano pasado de 60.000 euros, dentro da liña de subvencións que o goberno autonómico concede polo chamado “superávit de responsabilidade”. “A casa consistorial de Ourense é a casa de todos os veciños e a todos nos interesa mantelos nun bo estado”, dixo. Tamén lembrou que neste ano a Xunta leva concedidos 1,5 millóns de euros destas axudas a asociacións de veciños da provincia.

Logo do percorrido polas instalacións do concello, estaba previsto que ambos representantes da administración autonómica e local firmasen en privado un convenio de colaboración para que a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) imparta formación ao persoal de seguridade pública dependente do Concello e ao persoal de emerxencias en Ourense. “Unha formación descentralizada aquí na cidade cos métodos, coas homologacións e cos profesores que imparten a súa ensinanza no centro público da Estrada”, subliñou Rueda.

Texto e fotos: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button