En portadaÚltima hora

A Casa da Cultura de Viana acolle esta tarde o II desfile solidario

Jorge Álvarez e Patricia Ares organizan a pasarela que contará con deseños de novos creadores
Jorge Álvarez e Patricia Ares, organizadores do desfile de moda. /Foto: Carlos G. Hervella.
Jorge Álvarez e Patricia Ares, organizadores do desfile de moda. /Foto: Carlos G. Hervella.

A solidariedade, a moda, a beleza e tamén a música, danse a man no segundo desfile que organizaron os empresarios vianeses Jorge Álvarez (estilista e modelo) e Patricia Ares (responsable de De Patri).

Non é a primeira vez que o fan. De feito a segunda edición deste desfile chega despois do éxito de acollida que tivo a iniciativa o ano pasado, na que o público enchía a Casa da Cultura de Viana do Bolo. Ese será de novo o escenario no que se desenvolverá o espectáculo esta tarde.

A partires das 20 horas polo escenario desfilarán unha vintena de modelos (profesionais e tamén veciños da vila) con peiteado e maquillaxe de Jorge Álvarez Estilistas, e prendas do comercio vianés De Patri e tamén dalgúns novos deseñadores que se suman á iniciativa. Entre eles, o vigués Manuel Pampillón, xove promesa da moda que presentará algunhas das súas creacións.

Tal como adiantan dende a organización, este ano o desfile contará con algunha actuación musical así como cun espectáculo infantil “a cargo dos nenos que asisten ás clases de zumba”, explica Jorge, destacando o carácter benéfico da gala. A entrada é de balde pero todo aquel que o desexe pode contribuír coa súa aportación: alimentos non perecedoiros, roupa ou xoguetes que serán entregados a Cáritas de Viana, que máis tarde se encargará do reparto entre os máis necesitados. “A única condición é que primeiro se atendan as necesidades da xente da zona”, puntualiza Jorge.

Artigos relacionados

Back to top button