EconomíaEconomíaÚltima hora

“Casa tomada”, un novo espazo cultural e de lecer, no Barco de Valdeorras

Na libraría, centrada nos libros de segunda man, tamén hai xogos de mesa e un rincón para tomar café ou infusións

 

Da obra do escritor arxentino Julio Cortázar tomou Saúl o nome para o seu novo negocio: “Casa tomada”, un novo concepto de libraría que vén de abrir as portas na céntrica rúa Pérez Lista, 38, no Barco de Valdeorras.

Ten libros e material de oficina, pero non é unha libraría ao uso. De feito está centrada nos libros de segunda man, de todo tipo, de temática moi variada e a prezos moi asequibles, aínda que tamén conta cunha ampla oferta de xogos de mesa novos.

 

Logo da nova libraría.

 

O local, amplio e luminoso, conta ademais cun espazo no que probar algún xogo e incluso tomar un café, unha infusión ou un refresco, “tamén temos un ordenador e libros de consulta”, puntualiza Saúl, asegurando que a idea é que nun futuro sexa tamén un lugar de exposicións “para os xover artistas da zona que queiran, e tamén organizar torneos de xogos e mesmo facer presentacións”.

 

Interior da libraría “Casa tomada”.

 

Saúl García Pernas é coñecido no Barco noutros ámbitos como o hostaleiro e tamén o empresarial como membro de Barbudos Cooperativa centrada na elaboración artesanal de licores, e agora embárcase neste novo proxecto entre a cultura e o lecer. Xa tiña a idea en mente dende hai tempo pero non era ata hai un ano cando comezaba a fraguarse. De feito el mesmo asegura que o estado de alarma e o confinamento serviulle para dar forma ao novo negocio que abría as portas este luns 14 de xuño, ás portas do verán e en plena recuperación da vida social.

 

Saúl García Pernas está á fronte da libraría.

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button