En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Casaio celebra o Corpus Christi

No mediodía deste sábado 22 de xuño a procesión percorría as rúas desta localidade

Dende este venres 21 de xuño ata o día 23 a localidade de Casaio (Carballeda de Valdeorras) estará en festas. Celebrará o Corpus Christi cun amplo programa con actos relixiosos pero tamén lúdicos e musicais. Tras  o baile e verbena do venres, chegaba o acto relixioso central da festa o 22 de xuño coa misa á 12:30h., seguida da procesión na que o Corpo de Cristo ía protexido baixo palio.

 

Cada ano a comitiva relixiosa fai un percorrido por Casaio con paradas en diferentes puntos, nos que se instalan altares. Así sucedía nesta ocasión, na que a procesión estaba acompañada pola música da Charanga Nova Terra de Trives.

Durante a tarde está programada unha actividade gratuíta para os nenos na praza. Posteriormente, ás 21:30h. comezará a tocar a orquestra Palladium, que fará un segundo pase a partires da unha da madrugada para animar a verbena.

A festa continuará despois cunha disco móbil. Xa o domingo 23 de xuño oficiarase outra misa ás 12:30h. na igrexa de Santa María de Casaio. Pola tarde, haberá baile, nesta ocasión ás 20h. e co Trío Nostalgia na praza. Farán unha sesión seguida ata a noite neste derradeiro día de festa. Ademais durante a fin de semana tamén se desenvolverán actividades lúdicas para os nenos, se ben non estaban concretadas ao peche desta edición.

Os actos festivos están organizados pola Comunidade de Montes de Casaio e Lardeira.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button