ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Casaio dá a benvida ao mes de maio honrando a San Xil na ermida

Na tradicional romaría, celebrada no mediodía do martes día 1, reuníronse numerosos fieis do santo

Os veciños da localidade de Casaio (Carballeda de Valdeorras) celebrarán as festas patronais no mes de setembro, con cultos na igrexa e baile na praza. Pero uns meses antes, en plena primavera, manteñen outra celebración, tan tradicional como enxebre en plena natureza, coñecida como a Romaría do San Xil Vello que tiña lugar no mediodía do martes día 1 de maio no entorno da ermida. Unha edificación en pedra con tellado de lousa que se atopa nas inmediacións de Pena Trevinca a medio camiño entre o pobo de Casaio e o bosque do Teixadal, a uns mil metros de altura, na cara sur dunha ladeira poboada de carballos, acibros, castiñeiros e outras especies arbóreas.

A través dunha pista, ata alí se achegaban os veciños e visitantes para pasar o día. Primeiro tiña lugar a procesión coa imaxe do santo acompañada musicalmente pola charanga, despois a misa no interior da capela presidida polo párroco Juan José Prieto que remataba co tradicional cántido adicado a San Xil intepretado polos veciños, e por último o xantar no exterior con todo tipo de viandas (entre elas carne á grella), aproveitando o soleado aínda que frío día no que daban a benvida ao mes de maio.

 

A imaxe de San Xil é levada a ombros polos veciños de Casaio durante a procesión.

 

A historia de San Xil, venerado na capela que leva o seu nome, está intimamente vencellada á do mosteiro sanabrés de San Martiño de Castañeda aínda que segundo o historiador Isidro García Tato, unha reconstrución exacta da vida deste persoeiro resulta imposible “porque, ademais de estar moi mesturada a historia coa lenda, os datos de que se dispoñen son tan dispares que ás veces resultan contradictorios”. Partindo da base “de que faltan razóns convincentes nas diferentes versións sobre a biografía de  San Xil”, García Tato inclínase pola que asegura que a súa vida estaría dacabalo entre a segunda e a primeira metade dos séculos XII e XII, sendo monxe Cisterciense do Mosteiro de Carracedo e abade do Mosteiro de San Martín de Castañeda que levou vida eremítica (centrada na meditación, o silencio e a penitencia) nos montes de Casaio onde morreu “en olor de santidade”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button