En portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Casaio recupera a Romaría do San Xil Vello no entorno da capela

Tras dous anos sen subir pola pandemia, os actos comezaban ás 12:30h. coa procesión do santo e continuaban coa misa e, finalmente, co xantar ao aire libre

 

Moi preto do Teixadal, enmarcada polos cumes de Trevinca e a uns mil metros de altura, érguese a antiga capela de San Xil anta onde pode chegarse camiñando dende Casaio (Carballeda de Valdeorras). Un traxecto que adoitan facer moitos veciños desta localidade na mañá de cada primeiro de maio. Outros optan por unha viaxe en todoterreo, pero todos se xuntan na capela cunha única finalidade: celebrar a Romaría do San Xil Vello, que nesta ocasión ao coincidir a domingo, celebrábase o día anterior.

 

 

 

A pandemia obrigaba a cancelala no 2020 e no 2021 pero este ano, o día acompañaba e como vén sendo habitual, na mañá deste sábado 30 de abril, eran moitas as persoas que se animaban a achegarse ata a fermosa paraxe na que se asenta o pequeno templo.

 

San Xil de Casaio.

 

Os actos relixiosos comezaban ás 12:30h. coa procesión arredor do templo, e de seguido tiña lugar a misa, xa no interior, unha eucaristía que finalizaba co tradicional cántido adicado a San Xil, interpretado polos veciños. A romaría continuaba cun xantar no exterior, con todo tipo de viandas, aproveitando o espléndido día neste privilexiado entorno.

 

 

 

Dende o Periódico O Sil agradécese aos veciños de Casaio a súa amabilidade e o convite a compartir con eles o xantar nesta tradicional romaría que levaba dous anos sen celebrarse.

 

Chamando a misa.

 

A capela do San Xil cos montes de Trevinca ao fondo.

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button