OurenseÚltima hora

Case 180.000 euros para urbanización e mellora dun espazo público en Parada de Sil

Concello e Xunta veñen de asinar un convenio "co fin de fixar os termos da cooperación técnica e económica entre ambas administracións para levar a cabo as obras"

 

O  Concello de Parada de Sil e a Xunta colaborarán nas obras de urbanización e mellora dun espazo público no lugar principal do municipio. Así o comprometeron esta semana a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde accidental, Francisco Magide, a través da sinatura dun convenio co fin de fixar os termos da cooperación técnica e económica entre ambas administracións para levar a cabo as obras.

Segundo se recolle no proxecto, a intervención centrarase nun solar de forma irregular localizado no lugar de Parada de Sil e cunha superficie de algo máis de 2.100 m2. A urbanización consistirá na creación dunha área de aparcamento con pavimento acorde co ámbito rural no que se encadra —concretamente, sábrego de cemento, lousa e lastro de granito—, rodeada de zonas verdes con mobiliario e outros servizos urbanos.

As obras, cun prazo estimado de execución de catro meses, requirirán traballos de roza así como de escavación e nivelación sobre o terreo antes de comezar as actuacións previstas sobre o pavimento e os bordos, os labores de xardinería e a instalación de bancos, papeleiras, fontes de granito e carteis informativos de pino, entre outros.

Cun orzamento de preto de 180.000 euros, dos cales o 70% será achegado pola Consellería e o 30% restante polo Goberno municipal, o convenio enmárcase nos obxectivos do chamado plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai máis dunha década para axudar ás entidades locais a executar proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de infraestruturas de uso público e colectivo.

Artigos relacionados

Back to top button