SanidadeÚltima hora

Case 2 de cada 10 positivos de Covid na provincia teñen menos de 12 anos

O 11% das 68 persoas ingresadas nos hospitais de Ourense non están vacinadas fronte a Covid, segundo informa Sanidade

Foto: A.R.

 

Dos 2.241 casos activos de Covid rexistrados hoxe na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, o 19,7% por cento teñen menos de 12 anos, desprazando así a tramos de idade como os de maiores de 80 que, nas ondas anteriores á vacinación, eran maioritarios e agora representan o 3,5% do total de contaxios, segundo informa a Consellería de Sanidade.

Pese á baixa incidencia entre os e as maiores de 80 anos, a porcentaxe de pacientes pertencentes a este tramo de idade que requeriron ser hospitalizados é o 23,7% total, incrementándose ata o 83,4% do total de pacientes ingresados ao tomar como referencia aos maiores de 60.

A maioría das 68 persoas ingresadas permanecen no Hospital Universitario de Ourense, con 61 pacientes en planta e 7 nas unidades de críticos; no Hospital Público de Valdeorras, con dous ingresos, no de Verín con un, e dous en centros sanitarios privados. De todos eles, o 11% non está vacinado.

Nos últimos dez días na nosa provincia faleceron sete persoas que permanecían ingresadas con diagnóstico positivo de Covid nos hospitais de Ourense e Verín.

A tres meses de cumprirse os dous anos de pandemia, e seis ondas ondas epidémicas. Na provincia de Ourense 455 persoas faleceron e 22.266 se recuperaron da Covid. Neste intenso período o persoal sanitario fixo un enorme esforzo para vacinar ao 95% da poboación e agora afrontan a dispensación da terceira dose de reforzo ao maiores de 60 e persoal dos centros sanitarios e socio-sanitarios, co horizonte posto na vacinación dos rapaces menores de 12 anos.

Prudencia ante o ascenso de casos

A situación epidemiolóxica actual en España mostra una tendencia ascendente na taxa de incidencia pola enfermidade por SARS- CoV-2 nas últimas semanas. A información a nivel estatal sobre a efectividade das vacinas “mostra unha perda da protección fronte á infección, a partir dos 3-6 meses dende a vacinación completa e coa extensión das novas variantes é necesario incrementar esta protección”, asegura a Consellería de Sanidade.

Neste senso, a prudencia e o cumprimento das medidas de prevención continúan a ser clave, sendo aconsellable extremar a hixiene de mans, usar máscara, a ventilización periódica dos interiores e a interacción social prudente para limitar os contaxios, os danos na saúde e a perda de vidas.

Igualmente, toda aquela persoa que desexe vacinarse fronte ao Covid e non o fixera con anterioridade pode pedir cita para facelo chamando ao 981 215 930 ou acudindo sen cita ao puntos de vacinación mais próximo (neste intre nos hospitais de Verín e Valdeorras e en Expourense).

Artigos relacionados

Back to top button