ConcellosDeportesGalerías de fotosÚltima hora

Case 200 persoas festexan co Club Montaña Trives o seu 25 aniversario

Celebrábase cun gran cocido no Centro Cívico do Colexio Santa Leonor, seguido de música, na noite do 13 de outubro

Entre emotivas lembranzas, felicitacións, moitos agradecementos e festa o Club Montaña Trives celebraba na noite do 13 de outubro o seu cuarto de século como asociación deportiva. Unha celebración compartida con case 200 persoas que se sentaban á mesa para desfrutar dun gran cocido, servido por Mantesil, no Centro Cívico do Colexio Santa Leonor.

Sopa, cocido, bebida e sobremesa que chegaba ademais con dous sorteos. O primeiro deles, tomando a referencia do número da entrada dos presentes, era de diversos produtos doados por empresas da zona. E, o segundo, de rifas realizadas polo club para o sorteo de 250 euros en metálico e un Forfait para a tempada 2018/19 na Estación de Montaña de Manzaneda.

Rendíaselle ademais unha homenaxe moi especial ás persoas que iniciaron e fixeron posible este proxecto deportivo hai xa 25 anos co fin de achegar o esquí á xente trivesa, en especial, aos máis novos. Así os actuais responsables do Club Montaña Trives entregaban recoñecementos a dez antigos directivos desta entidade que recibían unha placa e un reloxo, nun acto que contaba coa presenza do alcalde trivés, Domingo Diéguez, e do xerente de Oca Nova Manzaneda, Gustavo Sanmartín.

Despois proxectábase un video que lembraba a traxectoria do club, así como as súas diversas actividades nestes 25 anos de vida, e evidenciaba o seu desexo de continuar, cando menos, outro cuarto de século máis. A celebración seguía ata a madrugada coa música do grupo Los Camachuelos.

Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información e fotos na vindeira edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button