OurenseÚltima hora

Case 400 desempregados da provincia participarán en 19 obradoiros de traballo

 A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina máis de 4,6 millóns de euros a esta iniciativa que inclúe 14 obradoiros xerais e 5 específicos para menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil
Foto de grupo tras a inauguración do Obradoiro Terra de Mosteiros.

O obradoiro de emprego “Terra de Mosteiros 2017”, no que 20 desempregados pertencentes aos concellos da Mancomunidade Voluntaria de Municipios da Comarca de Ourense se formarán en actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería, así como en operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización, arrancou hoxe, 26 de setembro.

No acto de inauguración, a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, subliñou a importancia dos obradoiros para incrementar a empregabilidade do alumnado e lograr a súa reinserción laboral. Así referiuse ao certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado que reciben os seus participantes. Tamén salientou a “colaboración institucional da Xunta coas entidades locais para que os obradoiros de emprego teñan continuidade na creación de postos de traballo no futuro”.

A delegada territorial, acompañada do xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Santiago Álvarez, asistiu ao inicio do desenvolvemento desta iniciativa dotada cun investimento 280.000 euros. Ademais do alumnado, este obradoiro contará cun equipo de docentes e administrativos formado por cinco persoas.

A duración dos obradoiros xerais amplíase este ano de seis a nove meses. Durante este tempo, logo da súa etapa inicial de formación, o alumnado porá en práctica os coñecementos adquiridos. Así, algunhas das actuacións que levarán a cabo serán: renovación do Parque do Muíño, no concello de Baños de Molgas; restauración de lavadoiros de Cachamuíña e Melón Alto, en Esgos; adecuación e mellora da eficiencia enerxética da Escola Municipal de Música de Maceda; rehabilitación de lavadoiros de Loureiro e Viñoás, no municipio de Nogueira de Ramuín; recuperación do forno de pan de Saa, en Paderne de Allariz; mantemento da área recreativa da Boutureira, no concello de San Cibrao das Viñas; actuación nos lavadoiros de Forcas, Espiñas, Valdemiotos e Paradellas, emprazados en Parada do Sil; acondicionamento da casona da praza Bispo Carrascosa, en Xunqueira de Ambía, amais da conexión intermunicipal de varias rutas de sendeirismo.

Este é un dos 19 programas mixtos de formación e emprego que a Consellería de Economía, Emprego e Industria porá en marcha esta semana na provincia. Trátase dunha iniciativa, enmarcada na Axenda 20 para o Emprego, na que o Goberno galego inviste máis de 4,6 millóns de euros e da que se beneficiarán 355 persoas en situación de desemprego veciños dun total de 67 concellos ourensáns.

Artigos relacionados

Back to top button