ConcellosÚltima hora

Case 50.000 euros de investimento en obras de acondicionamento de dúas rúas de Larouco

 

En Larouco estase a realizar unha actuación de humanización de dúas rúas no marco do chamado Plan hUrbe da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. En concreto, o proxecto ten por obxecto a mellora do viario Bienvenido Arias e da rúa da Cooperativa, na capitalidade do municipio.

Esta actuación executouse en virtude dun convenio de colaboración entre o departamento autonómico dirixido por Ánxeles Vázquez e a Administración local que establece que a Xunta inviste 47.000 euros -o 70% do custo total das obras- mentres que o 30% restante -18.000 euros- corre a cargo do propio concello.

Os traballos consistiron na mellora e arranxo do asfaltado de ambas as dúas rúas, nova sinalización horizontal, como as marcas viarias e os pasos de peóns, e a instalación de mobiliario urbano, fundamentalmente bancos con soporte de aceiro e respaldo de madeira. En total, a intervención realizouse ao longo de 500 metros das dúas rúas.

A alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, recibía esta mañá de 4 de decembro a visita da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, quen destacou que esta actuación se enmarca dentro dos obxectivos do Plan hUrbe -programa posto en marcha polo Goberno galego en 2010- que ten entre os seus obxectivos estreitar lazos e colaboracións entre as administracións, fomentar a humanización das vilas de Galicia e promover o reequilibrio territorial na comunidade.

Artigos relacionados

Back to top button