ConcellosTrivesÚltima hora

Case 500.000 euros para instalar luminarias LED no municipio de Trives

O proxecto consta de tres fases, a primeira das cales suporá 141.000 euros e implicará actuacións en 17 núcleos do concello

Casa do Concello de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ponse en marcha o proxecto para instalar luminarias LED no municipio da Pobra de Trives e que suporá un investimento total de case 500.000 euros. O tenente de alcalde de Trives, Miguel Sierra, e a alcaldesa, Patricia Domínguez, mantiñan a primeiros deste ano unha reunión en Madrid presentando e analizando este proxecto, que finalmente saíu adiante e que está subvencionado polo Instituto da Diversificación e Aforro da Enerxía, do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

“É un traballo do que agora comezan a verse os seus primeiros froitos é que suporá un importante aforro nas arcas municipais”, segundo o Concello de Trives, “ademais contribúe incuestionablemente ao reto da sostibilidade ecolóxica pretendida dende o Concello ao tempo que permite unha mellor visibilidade”.

Así, o Concello da Pobra de Trives vén de asinar o primeiro contrato do proxecto e que implicará a instalación de luminarias LED cun orzamento de 141.000 euros. Así a actuación comezará nos vindeiros días nos núcleos de Mendoia, Sobrado, A Encomenda, Monteboi, San Cosmede, O Penedo, Os Carballos, O Souto, A Portela, A Rotea, Santa Ana, A Lama, Aceboso, Somoza, Penapetada, A Nagaza e Cotarós. Esta iniciativa ampliarase despois, a través de dúas novas fases, ao resto de núcleos do municipio e tamén á vila de Trives.

“Estamos tamén en condicións de anunciar que o Ministerio concedeu para Trives a totalidade de subvencións solicitadas polo que estamos a preparar as bases do proxecto do resto de núcleos e da nosa vila para sacar tamén a concurso público e dar canto antes comezo ás obras, sendo que suporá un investimento total de preto de medio millón de euros”, destacan dende o Concello de Trives.

Artigos relacionados

Back to top button