EconomíaEconomíaÚltima hora

Case a metade dos participantes en Carbaemprega 2017 xa encontraron traballo

O Carballiño contará este curso cun novo programa integrado de emprego, que chegará a un cento de veciños

O concello do Carballiño contará cun novo programa integrado de emprego, que chegará a un cento de veciños e alcanzará, cando menos, un 45% de inserción. Así  o adiantaba o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, durante a visita que realizaba na mañá do 2 de novembro ao programa integrado de emprego na vila do Arenteiro, Carbaemprega 2017, unha iniciativa na que colaboran o Concello e a Xunta e na que preto da metade dos 85 participantes conseguiron xa encontrar traballo. Segundo salientou Conde, iniciativas como a desenvolta no municipio ourensán teñen por obxectivo “incrementar as oportunidades laborais das persoas desempregadas a través de actuacións que buscan a especialización grazas á posibilidade de combinar orientación e asesoramento con formación e prácticas”.

En concreto, os participantes en Carbaemprega adquiriron coñecementos de soldadura, operacións básicas de restaurante e bar, atención sociosanitaria, manipulador de alimentos e operador de carretilla elevadora, eidos que, tal e como fixo fincapé o conselleiro, trataron de adaptarse ás demandas laborais da zona para lograr un maior grao de inserción.

O Carballiño forma parte dos 106 concellos emprendedores cos que conta Galicia, un distintivo que demostra o compromiso dos municipios para favorecer a captación de novos investimentos, e que lles permite ter prioridade en ordes de axuda como a dos propios programas integrados de emprego. Nese senso, o concelleiro apuntou que “é necesario deseñar programas formativos que se axusten á realidade económica e social de Galicia, o que se está a favorecer a través de iniciativas impulsadas pola Xunta como os cursos de formación para desempregados, a formación á porta ou os obradoiros duais, que se activaron este ano por primeira vez”.

 

Artigos relacionados

Back to top button