A castaña entra na campaña de consumo de froita nos colexios

O anuncio facíao a conselleira do Medio Rural no acto de inicio deste programa
Castañas asadas./ Foto: A.R.

Castañas asadas./ Foto: A.R.

Era unha antiga demanda que finalmente vén de facerse realidade. A castaña, un froito de fondo arraigo e peso económico na Galicia interior, vén de incluírse na lista de produtos subvencionables que poden elixir os colexios dentro da campaña de consumo de froitas frescas na escola.

O anuncio facíao a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, coincidindo coa apertura desta campaña, na visita que realizaba o 30 de novembro ao Centro Público Integrado (CPI) Fonte Díaz, en Touro, acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.

Esta era unha petición histórica por parte da comunidade ao Goberno central, que este ano aceptou incluír no real decreto sobre a aplicación en España da normativa da Unión Europea en relación cos plans escolares de consumo de froitas, hortalizas e leite, a castaña como produto elixible para o programa español, segundo se indica dende Medio Rural. “Ademais de contribuír a unha alimentación equilibrada, apoiamos tamén unha industria en auxe na nosa comunidade coma a dos castiñeiros de froito”, sinalaba Ángeles Vázquez.

A conselleira do Medio Rural, na visita ao colexio de Touro no que anunciaba a inclusión da castaña dentro da campaña de consumo de froitas frescas na escola.

A conselleira do Medio Rural, na visita ao colexio de Touro no que anunciaba a inclusión da castaña dentro da campaña de consumo de froitas frescas na escola.

A través desta iniciativa a Consellería do Medio Rural, en colaboración coa de Sanidade e a de Cultura, Educación, e Ordenación Universitaria, pretende educar aos máis pequenos na importancia dunha alimentación equilibrada. Galicia vén participando neste plan dende a súa creación en 2009 a través dunha resolución de axudas para cada curso escolar.

Cada ano, os centros interesados increméntanse dende os 123 de 2009 ata os 340 da última campaña. Neste curso 2016/2017 está previsto superar os 400 centros educativos (a falta de pechar todas as solicitudes) cos que se chegaría a máis de 88.000 nenos e nenas de entre 3 e 16 anos, xa que inclúe as etapas de Infantil, Primaria e Secundaria, segundo Medio Rural.

A orde de axudas para executar esta campaña de 2016/2017 contou cun orzamento de 317.200 euros. O 75% do orzamento procede do Fondo Agrícola de Garantía (Feaga) e o 25% restante é abonado pola Xunta de Galicia. O importe máximo de axuda para cada centro é de 0,25 euros por alumnos e día lectivo, ata un máximo de 20 días.

A axuda concédese a todas as froitas frescas con excepción do tomate, da lima e do limón, que están incluídas na definición do Código Alimentario Español (CAE) e agora tamén a castaña.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies