A castaña estréase na campaña de consumo de froita fresca na escola

Nesta iniciativa participan 403 centros escolares galegos, entre os que figuran 41 da provincia de Ourense e 56 da de Lugo

Ourizo de castañas./ Foto: Fran Domínguez.

Educar aos máis pequenos na importancia dunha alimentación sa e equilibrada. Ese é o obxectivo da campaña que promove a Consellería do Medio Rural para o consumo de froita na escola nas etapas de Infantil, Primaria e Secundaria. Neste curso participan nela un total de 88.551 escolares de entre 3 e 16 anos.

Por vez primeira neste curso a castaña, un froito de fondo arraigo e peso económico na Galicia interior, vén de incluírse na lista de produtos subvencionables que poden elixir os colexios dentro da citada campaña. Esta era unha petición histórica por parte da comunidade ao Goberno central, que este ano aceptou incluír no real decreto sobre a aplicación en España da normativa da Unión Europea en relación cos plans escolares de consumo de froitas, hortalizas e leite, a castaña como produto elixible para o programa español, segundo se indica dende Medio Rural. “Ademais de contribuír a unha alimentación equilibrada, apoiamos tamén unha industria en auxe na nosa comunidade coma a dos castiñeiros de froito”, sinalaba Ángeles Vázquez, a finais do 2016.

Bandexa de castañas./ Foto: A.R.

Os 403 centros escolares (públicos, concertados e privados) que participan nesta campaña poderán ofrecerlle ao seu alumnado todas as froitas frescas (entre elas a castaña), con excepción do tomate, da lima e do limón. Dentro dos centros participantes na campaña figuran 56 da provincia de Lugo (entre eles o CPI Dr. López Súarez e o IES Val do Asma de Quiroga) e 41 da provincia de Ourense entre eles varios da capital e de concellos da como O Bolo, A Pobra de Trives, A Rúa, O Barco, Vilamartín de Valdeorras, Rubiá ou Viana do Bolo.

Para esta liña de axudas, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez destinou unha contía de 317.200 euros, na que o 75% do orzamento procede do Fondo Agrícola de Garantía (Feaga) e o 25% restante é abonado pola Xunta de Galicia. O importe máximo de axuda para cada centro é de 0,25 euros por alumno e día lectivo, ata un máximo de 20 días, segundo se informa dende a Consellería do Medio Rural.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies