En portadaÚltima hora

A castaña, un froito tamén de interese turístico

A empresa valdeorresa Enoturismo Galicia organiza visitas guiadas a soutos de Quiroga e do Courel na época de recollida deste produto de outono
Algúns participantes nunha das actividades turísticas arredor da castaña que promove Enoturismo Galicia./ Foto cedida.

Nas zonas da montaña ourensá e lucense a castaña constitúe cada outono unha importante fonte de ingresos para as economías do rural. Ademais do valor que este saboroso froito de outono ten no mercado, hai outro que comeza a terse en conta: o turístico. Do mesmo xeito que o enoturismo leva a moitas persoas a visitar zonas de viñedo en plenta vendima, hai inciativas que xa apostan por darlle ese mesmo enfoque á recollida da castaña.

É o caso da empresa Enoturismo Galicia que entre a súa oferta de actividades inclúe no outono a proposta “Mergúllate na recollida da castaña”, que se desenvolve nas zonas de Quiroga e do Courel e está dirixida tanto a adultos como a nenos. “Desfrutaremos dunha pequena ruta de sendeirismo ata chegar aos castiñeiros, onde nos explicarán as diferentes variedades, característias, etc. Posteriormente participaremos na recollida da castaña, empezaremos a rebuscar entre os ourizos e as follas que agochan este prezado froito”, explica Amparo Montenegro, responsable de Enoturismo Galicia.

A actividade, cun prezo dende 15 euros, tamén inclúe unha visita ao almacén onde se depositan as castañas no que os participantes poderán coñecer como se transforma este produto, o seu almacenamento, elaboración e os diferentes produtos que se derivan del. E, como broche haberá unha degustación de diferentes produtos elaborados con castaña, ecolóxicos e artesáns.

Máis información:
http://www.enoturismogalicia.es/es/rutas/sumergete-en-la-recogida-de-la-castana-75

Artigos relacionados

Back to top button