EconomíaEconomíaÚltima hora

A castaña, raíña do “Magosto do Gaiás” en novembro

Incluirá degustacións de diversas tapas elaboradas con froitos amparados pola IXP Castaña de Galicia e a música de Caxade
Castañas asadas durante un magosto./ Foto: Ángeles Rodríguez.
Castañas asadas durante un magosto./ Foto: Ángeles Rodríguez.

O Museo Centro Gaiás, en Santiago, será de novo o escenario o vindeiro 19 de novembro dun singular magosto que comezará ás 20 horas, cando suban ao escenario os cociñeiros Kike Piñeiro e Eloy Cancela, do restaurante A Horta do Obradoiro, e Manel Oliveira, da Tapería Castelao. En colaboración coa Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia, os tres elaborarán en directo diferentes tapas con este produto como elemento principal e que poderán ser degustadas, de seguido, polos asistentes.

Esta exhibición culinaria estará acompañada dunhas breves explicacións dos membros da IXP Castaña de Galicia sobre as características deste produto de outono, cuxas principais zonas produtivas están nas zonas rurais das provincias de Ourense e Lugo. Ademais, e como xa é tradición no Gaiás, haberá un carriño de castañas asadas á entrada que poderán ser degustadas por todo o público.

Cartaz da actividade "Magosto no Gaiás", en Santiago.
Cartaz da actividade “Magosto no Gaiás”, en Santiago.

Despois da degustación, a música encherá o Museo Centro Gaiás grazas a Caxade, que presentará o seu segundo traballo: “E isto é o amor”, un paso adiante no indie-folk singular desta banda, que mantén os seus sinais de identidade combinados con novos matices, máis peso da percusión e inclusión de sintetizadores.

As entradas para o “Magosto no Gaiás” sairán á venda o vindeiro luns, 17 de outubro, a un prezo de 6 euros (7 euros en billeteira). A entrada anticipada poderá adquirirse no Museo Centro Gaiás, os puntos de venda físicos de Ataquilla e ataquilla.com (+gastos de xestión). Como en todos os eventos culturais da Cidade da Cultura existen diferentes promocións e descontos para colectivos especiais que se poden consultar en cidadedacultura.gal.

Artigos relacionados

Back to top button