EconomíaEconomíaÚltima hora

Castañas Moral estrea nave no Polígono Industrial A Raña, no Barco

Carlos Moral leva 25 campañas no sector, mercando castañas das zonas de Valdeorras, Viana e Manzaneda

 

Mediado o outono, a recollida da castaña está en plena campaña, sendo as comarcas de Valdeorras, Viana do Bolo e Terras de Trives as grandes produtoras.

Estas son tamén as zonas de influencia de Carlos Moral Corzo, intermediario que leva vintecinco anos no sector. Comezou mercando a comisión para outras empresas, ata que hai xa uns 15 anos decidía poñerse pola súa conta, creando Castañas Moral. “Merco aos produtores e lévollas ao almacén grande que é o que embasa e exporta porque eu aínda non me decidín a dar ese paso”, explica o propio Carlos, engadindo que o que si fai é clasificar a mercadoría por variedades e calibre.

 

Entrada da nave.

 

Pola mañá anda a xente collendo nos pobos e pola tarde é cando lle levan as castañas á nave onde as clasifican nas correspondentes xaulas en función do calibre e variedade e, “segundo vaian nunha ou outra, valorando tamén a salubridade, páganse ao seu prezo”, puntualiza Carlos. Despois esas xaulas van para o almacén de Rudecas “o mesmo co que comecei”, asegura.

Este proceso realízase este ano dende o Polígono Industrial A Raña (Parcela 217, rúa 6, O Barco de Valdeorras), na nave que estreaban hai apenas unhas semanas, tralo que será o cuarto cambio de ubicación. “O primeiro baixo tíveno preto do campo de fútbol; despois marchei para un baixo que comprei na praza de Viloira ,ata que comecei a traballar con xaulas e quedouse pequeno, polo que estiven uns anos de aluguer noutra nave máis grande tamén en Viloira e agora estamos no polígono”, conta Carlos, explicando que a parcela xa a mercara hai anos pero non foi ata o 2020 cando comezaban as obras rematando este ano para a campaña 2021. “Non é unha nave moi grande pero si bastante acolledora”, asegura.

 

Carlos Moral (no centro), coa súa muller, Ermitas Fernández e seu fillo, Iván Moral Fernández.

 

E precisamente para conmemorar a inauguración da nova nave, Castañas Moral ten preparado un “Gran sorteo navideño” que se realizará coas combinacións gañadoras da Lotería Nacional de Nadal. Así, o día 22 de decembro quedará a rifa gañadora que coincida coas tres últimas cifras de dito sorteo. O 1º premio será unha desbrozadora Sthil valorada en 900 euros; o 2º premio será un soplador Sthil valorado en 800 euros; e o 3º premio será unha motoserra Sthil valorada en 250 euros.

Carlos está contento coa nova ubicación, pero lamenta o mal que está o sector. “O 90% da xente só se lembra das castañas cando caen, polo que acabarán desparecendo. Non se lembran de limpar os soutos, de abonalos, de quitarlle leña aos castiñeiros, de facer plantacións novas,… Había que facer unha reestruturación igual que se fixo cos viñedos e fan por exemplo en Portugal, onde si apostaron polo castiñeiro”, conclúe.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button