CulturaCulturaÚltima hora

O castelo de Maceda acolle a presentación do programa do Entroido que fai a Deputación

En total, o Entroido ourensán ofrece máis de 260 actividades en 41 localidades da provincia
Manuel Baltar e Rubén Quintas cos Felos, diante do castelo de Maceda.

O Castelo de Maceda acolleu hoxe, 7 de febreiro, acolleu a presentación do Programa de Entroidos da Provincia. A presentación correu a cargo do presidente da Deputación, Manuel Baltar, e do alcalde de Maceda Rubén Quintas, ambos os dous acompañados por sete “Felos”, a figura típica do entroido macedán.

O Programa Provincial do Entroido 2018 recolle unha guía explicativa da que se editaron 20.000 exemplares -e que pode consultarse tamén a través da web da Deputación-. Asemade, compila información dos actos do Entroido que se celebrarán en toda a provincia -máis de 260 actividades en 41 localidades de 33 concellos- desde o xoves de Comadres ata o mércores de cinza e enterro da sardiña.

Xunto co programa, que se distribuirá por establecementos hostaleiros e oficinas de turismo da provincia, no acto tamén se presentou o anuncio promocional relativo a esta celebración.

Manuel Baltar e Rubén Quintas no castelo de Maceda, presentando o programa de entroidos de Ourense 2018

Manuel Baltar expresou que en Maceda, “un lugar sinalado pola historia, que conta con relevantes persoeiros damos a coñecer, por segundo ano consecutivo este programa provincial do Entroido, que amosa a grande demostración etnográfica , tradición e cultura da nosa provincia”, destacando que entre os nove carnavais distinguidos “de Interese Turístico de Galicia”, sete están na provincia: Laza, co Peliqueiro; o de Viana do Bolo, no que a personaxe central é o Boteiro; o entroido de Manzaneda, coa Mázcara; o entroido de Maceda, co Felo, e o entroido de Vilariño de Conso, co Boteiro; ademais de contar con dúas festas de Interese Turístico Nacional, como son o entroido de Xinzo de Limia, coa Pantalla, e o entroido de Verín, co Cigarrón. Baltar salientou que “estas e outras moitas localidades da provincia singularizan a tradición do noso Entroido, e a Deputación achega ese papel vertebrador, esa visión integral de provincia, para un dos nosos grandes escaparates como é o Entroido, con importante retorno económico, social e turístico”.

O presidente do goberno provincial subliñou que este son días “de marcada actualidade ourensá, nos que seguimos a impulsar as nosas tradicións, como tamén seguimos a traballar en colaboración cos veciños do norte de Portugal e coa provincia de Zamora, para logra que a Unesco declare Patrimonio Cultural Inmaterial o noso Entroido”.

Pola súa banda, Rubén Quintas dixo que o Entroido é “unha festa entrañable no noso concello, a máis participativa e a cal os nosos veciños levan organizando durante todo o ano”. Quintas anunciou que os “Felos” visitarán todos os pobos da serra “500 figuras que representan o respecto das nosas tradicións e do legado dos nosos antergos”.

Artigos relacionados

Back to top button