OurenseÚltima hora

Castrelo de Miño recibe un vehículo “eco” para vixilancia e protección do entorno natural

 

En Castrelo de Miño a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, facía entrega hoxe xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, ao alcalde deste municipio, Avelino Pazos, dun vehículo con distintivo ambiental eco destinado a facilitar os desprazamentos do servizo municipal que se encarga da vixilancia e protección do entorno natural do concello.

A Xunta financiou a adquisición deste todocamiño con distinto ambiental eco cunha axuda de 30.000 euros ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental. Este vehículo é un todocamiño híbrido de 5 prazas e potencia máxima de 88 Kw con emisións de CO2 inferiores aos 150g/km. Natalia Prieto explicou que, deste xeito, contribúese á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, ao memos tempo que se axuda ao concello a renovar o parque móbil do concello con vehículos máis eficientes e respectuosos co medio ambiente.

O novo vehículo vai destinado ao servizo municipal que se ocupa de informar, asesorar e inspeccionar as denuncias de particulares relacionadas coa protección do entorno rural, por exemplo no que respecta á normativa da limpeza das fincas co obxectivo de previr incendios. Os técnicos deste servizo tamén se desprazan polo municipio para revisar o cumprimento da norma e o estado de limpeza das franxas de protección contra o lume, polo que precisan dun vehículo axeitado.

A directora xeral de Administración Local lembrou que o Fondo de Compensación Ambiental foi posto en marcha pola Xunta en 2010 para distribuír os ingresos do canon eólico e permitiu ata agora cofinanciar máis de 2.300 proxectos por case 108 millóns de euros. Nesta liña, engadiu que estes proxectos teñen un efecto exemplarizante ao contribuír a concienciar á veciñanza da repercusión sobre o medio ambiente das medidas de eficiencia enerxética e de impulso da sustentabilidade ambiental nas administracións públicas, en concreto, nas entidades locais.

Artigos relacionados

Back to top button