Castrelo do ValConcellosÚltima hora

Castrelo do Val nomea fillo predilecto a título póstumo ao seu ex alcalde e mestre Raúl Fernández

Ao mesmo tempo, a súa Corporación, contando co apoio do consello escolar, iniciou a solicitude para que o colexio do concello fose renomeado como CEIP Raúl Fernández

Membros da Corporación de Castrelo do Val coa familia de Raúl Fernández./ Foto cedida.

 

A Corporación de Castrelo do Val, “de xeito unánime”, vén de conceder  na sesión plenaria celebrada hoxe a “a súa máxima honra, o nomeamento como Fillo Predilecto a título póstumo, ao seu ex alcalde Raúl Fernández, finado en xuño do 2019 de xeito temperá”, tal e como vén de anunciar o Concello.

A traxectoria do homenaxeado, “quen tivo responsabilidades locais, provinciais e, finalmente, como deputado autonómico, fano merecente deste recoñecemento unánime de toda a veciñanza de Castrelo do Val, resalta o seu Concello. “Raúl foi un compañeiro leal, honesto, dialogante pero, sobre todo, unha persoa que xerou o consenso de quen o coñeceu e refírense a el como unha boa persoa”, en palabras do alcalde de Castrelo do Val, Vicente Gómez.

No pleno celebrado hoxe, a súa viúva, María Barreira, acompañada polo seu fillo e outros familiares, recibiu de mans do alcalde a placa e mailo diploma que acreditan a Raúl Fernández como Fillo Predilecto do municipio. O expediente, instruído pola tenente de alcalde, Mar Valle, desde febreiro deste ano, concitou “o consenso unánime de toda a Corporación e incorporou adhesións de ex alcaldes e alcaldes de toda a comarca, de todo signo político que quixeron sumarse a esta sentida homenaxe a unha persoa moi querida e recordada”, destaca o Concello.

Ao tempo que se instruíu este expediente de honras, a Corporación de Castrelo do Val, contando co apoio do consello escolar, iniciou a solicitude para que o colexio do concello fose renomeado como CEIP Raúl Fernández, quen tamén tivo unha recoñecida traxectoria como mestre.

“A casualidade quixo que ambas honras se resolveran case a un tempo e así, o DOG do pasado 1 de decembro contiña a publicación da decisión tomada pola Consellaría de Educación de nomear o centro co nome do seu antigo mestre”, explican dende o Concello de Castrelo do Val.

O alcalde, despois das intervencións, cargadas de emoción e afecto, de todos os portavoces e do ex alcalde de Vilardevós e bo amigo de Raúl, José Luís Pérez (Chelís); clausuraba o acto coas seguintes verbas: “Este salón de plenos quedou pequeno, non só por mor da pandemia que nos impide ampliar o aforo, senón para acoller todas as persoas de todo signo político e doutros sectores sociais que expresaron o seu agarimo e convencemento de que este recoñecemento é pouco para o que el merecía”.

Artigos relacionados

Back to top button