En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Castro Caldelas e Parada de Sil, capitais do voluntariado galego de Protección Civil

A Asociación Provincial de Agrupacións celebraba a súa xornada anual de convivencia que reunía a preto de 400 voluntarios da provincia e do resto de Galicia

De laranxa tinguíase na mañá do 19 de novembro o Patio de Armas do Castelo de Castro Caldelas. Nel reuníanse uns 360 voluntarios de Protección Civil ourensáns, pero tamén doutras provincias galegas, no marco das Xornada de convivencia das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Ourense. Ao encontro, que se inauguraba ás dez da mañá, acudían tamén diversas autoridades, entre elas, o director xeral de Emercenxias e Interior; Luis Menor, a secretaria xeral da Xunta en Ourense, Silvia Dorado; xefe provincial de Protección Civil, Olivier Reboredo; o presidente da Asociación Provincial de Agrupacións de Protección Civil de Ourense, Clemente Pérez; así como responsables de Tráfico e alcaldes ourensáns.

O acto inaugural comezaba coa intervención da alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, que daba á benvida aos participantes pedindo un aplauso e amosábase “tremendamente orgullosa de ver aquí ao mundo laranxa, vos sodes os protagonistas. A capitalidade do voluntariado e da solidariedade está en Castro Caldelas”. Asemade facía fincapé en que o voluntariado “necesita un recoñecemento moi potente” e “concederlle as capacitacións que por servizo levan feito”. E concluía asegurando que “eu no meu concello sen os voluntarios, non sería nada”. E tamén expresaba o seu recoñecemento “ao para min é o pai da agrupación de voluntarios de Castro Caldelas, Jorge Llorente”.

A continuación a alcaldesa de Parada de Sil, Yolanda Jácome, saudaba tamén aos voluntarios e autoridades e agradecía a asociación provincial de Protección Civil que elixira esta comarca de Caldelas-Ribeira Sacra para este encontro, que “agardo sexa ao mesmo tempo que un día de ocio, un día de aprender novos coñecementos, isto repercutirá nun mellor rendemento persoal de cada un dos presentes”. Ademais louvaba o “labor desinteresado” dos voluntarios, “que fai que os riscos, accidentes e emerxencias sexan menos cada día ou se resolvan no menor tempo posible”.

De seguido tomaba a palabra o director xeral de Emerxencias e Interior, o tamén ourensán Luis Menor, quen calificaba a reunión como “unha xornada de convivencia, de aprendizaxe e de camaradería. Incidía na implicación, dedicación e importante labor altruísta que desenvolven os voluntarios de Protección Civil e a súa importancia en Galicia, sinalando que este colectivo é un dos piares fundamentais no eido das emerxencias e que conta co respaldo da Xunta. E pedía un “recoñecemento social e institucional ao seu traballo”. E lembraba que dende a Administración autonómica se está a desenvolver un labor de captación de novos membros “que tivo unha repercusión moi importante”. Menor tamén agradecía o esforzo e traballo realizado pola agrupación provincial para preparar e organizar o encontro, así como aos concellos de Castro Caldelas e Parada de Sil e ao servizo provincia de Emerxencias.

O acto inaugural completábase coa presentación da nova directiva da entidade provincial de agrupacións e coa entrega dunha serie de distincións aos membros fundadores da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Castro Caldelas: Eduardo Fernández, Antonio López, José Antonio Osorio, Argimiro González e Cristóbal Campos.

Tras un pequeno descanso no que se servía un almorzo (consistente en bica manteigada e leite) no mesmo castelo, os participantes baixaban á praza do Prado onde se exporá material de emerxencias. Logo os voluntarios subíanse a unha serie de autobuses para visitar ás adegas da zona, onde se desenvolvían diversas actividades formativas e se facía unha demostración práctica de métodos de control de Vespa Velutina, obradoiros da rede Tetra e unha demostración práctica do material do remolque de emerxencias. A xornada concluía cun xantar de confraternidade na adega Valcar, de Parada de Sil.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil
Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button