OurenseÚltima hora

Castro Caldelas, Ourense e Ribadavia asinan convenios de Áreas de Rehabilitación Integral

 

Un total de 22 concellos veñen de asinar coa Xunta e o Ministerio de Mobilidade acordos para participar este ano no reparto dos 10,2 millóns de euros dispoñibles para actuar nas áreas de rehabilitación integral (ARI). En concreto trátase dos convenios de financiamento nos que se concreta a contía asignada en cada caso.

Dos 22 municipios beneficiados nesta última convocatoria, nove pertencen á provincia de Lugo —Castro de Rei, Chantada, Guitiriz, Lugo, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Quiroga, Ribadeo e Sober—; tres son de Ourense —Castro Caldelas, Ourense e Ribadavia—, seis pertencen á provincia da Coruña —Ferrol, Mugardos, Corcubión, Noia, Rianxo e Santiago de Compostela—; e catro de Pontevedra —Caldas de Reis, Pontevedra, Tui e Vigo—.

Unha vez asinados os convenios específicos con cada un dos concellos, serán agora as propias Administracións locais as que procedan a convocar as axudas, ás que poderán optar os propietarios de vivendas e edificios a rehabilitar con fins residenciais dentro de cada ARI. O importe máximo destas subvencións, que se poderán executar ata o ano 2025, é de 24.000 euros por vivenda.

“Seguimos apostando por vivir no rural e para elo é preciso traballo e vivenda. Para conseguilo, continuamos co máximo esforzo buscando recursos para o noso Concello. Todos os veciños interesados poden solicitar información e/ou asesoramento no Departamento de Urbanismo do Concello”, asegura a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega.

Ademais, os concellos recibirán tamén axudas para executar pola súa conta actuacións de urbanización e reurbanización de espazos públicos no ámbito da Área de rehabilitación integral, cun importe de ata 2.000 euros por vivenda rehabilitada; así como financiamento para sufragar os custos da oficina municipal de rehabilitación.

Artigos relacionados

Back to top button