ConcellosÚltima hora

Castro Caldelas pon en valor o seu nexo co “Camiño de Inverno” co programa “Un castelo no Camiño”

Este proxecto iniciarase esta tarde, cun visita teatralizada ao Castelo de Castro Caldelas, e continuará ata o mes de setembro

Dinamizar o territorio coa posta en valor do seu patrimonio e os seus recursos gastronómicos e culturais ligados á proximidade do Camiño de Inverno e, especialmente, ao seu castelo. É o obxectivo co que nace o proxecto “Un castelo no Camiño”, que se presentaba esta mañá en Castro Caldelas, nun acto que contaba coa presenza da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e da alcaldesa, Sara Inés Vega, entre outras autoridades, como os alcaldes polos que discorre o Camiño de Santiago Augas Sacras (Sober, Larouco,Teixeira, Petín, Trives, Monforte e San Xoán de Río)

O proxecto, que conta cunha axuda de 10.000 euros por parte da Xunta ao abeiro do programa “O Teu Xacobeo”, desenvolverase desde hoxe (cunha visita teatralizada ao castelo) e ata o vindeiro mes de setembro. Pretende potenciar os valores culturais e naturais de Castro Caldelas, co castelo como protagonista, ao tempo que pon en valor o Camiño de Inverno, que é o itinerario do Camiño de Santiago máis próximo a Castro Caldelas.

Este vencello do concello co Camiño como eixe vertebrador das distintas actividades propostas, foi o aspecto que destacou Nava Castro na súa intervención, na que puxo en valor os documentos recentemente achados que falan do Mosteiro de Camba como albergue de peregrinos.

O programa de “Un castelo no Camiño” arrancará esta tarde, ás 19:30h. coa representación do espectáculo teatral “Suaren Bataila” no propio castelo de Castro Caldelas. Será un punto de partida ao que seguirán un bo feixe de actividades que inclúen roteiros, citas gastronómicas, actividades lúdicas ou exposicións, tal e como destacou no acto a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega.

“O Castelo de Castro Caldelasactuará nos próximos meses como eixo dinamizador da actividade cultural na comarca. Visitas teatralizadas e espectáculos, exposicións, actividades deportivas coas que poñer en valor o noso patrimonio cultural, natural e gastronómico. Seguimos convencidos de que a nosa fortaleza debe ser ocentro monumental de referencia na zona, actuando como principal punto de atracción turística e porta de entrada natural á Ribeira Sacra”, apuntaba Sara Inés Vega Núñez.

“A Ribeira Sacra, ao igual que o Camiño de Santiago,é sen dúbida un excelente atractivo para visitantesde todo o mundo. Os datos apuntan que nesta Semana Santa esta ten recibido máis visitantes incluso que a propia capital xacobea. A súa promoción por tanto, como motor de desenvolvemento sustentable para a comarca,éun dos obxectivos prioritarios e estratéxicos da nosa xestión”, indicaba ao peche do acto a directora de Turismo de Galicia.

Camiño de Augas Sacras

Ademais no marco deste acto, no que o programa se daba a coñecer coa participación de actores vestidos de época, tamén se convertía na primeira presentación oficial da agrupación de municipios Camiño de Augas Sacras, cuxo obxectivo é investigar, protexer e difundir unha vía de peregrinación que unía os concellos de Sober, Larouco, A Teixeira, Petín, Trives, Monforte, Castro Caldelas de San Xoán de Río.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button