En portadaÚltima hora

Castro Caldelas prepárase para a ancestral Festa dos Fachós

Unha procesión de lume e palla, presidida por San Sebastián, percorrerá o casco histórico da vila na tarde do 19 de xaneiro
Gran fachón de Castro Caldelas, abrindo a procesión dos Fachós./ Foto: Carlos G. Hervella.

Multitude de persoas se concentrarán na tarde do 19 de xaneiro no adro do Santuario dos Remedios de Castro Caldelas. Alí comezará a tradición Festa dos Fachós, prendendo lume nun xigantesco fachón (con máis de 30 metros). Despois unha procesión, presidida por un San Sebastián de palla e encabezada por ese gran fachón, percorrerá o casco antigo da vila. Tras el irán uns 600 fachós individuais que o Concello de Castro Caldelas porá a dispor de veciños e visitantes.

Tras completar a ronda, a comitiva de lume e palla voltará ao adro, onde os restos dos fachós iranse depositando nunha gran fogata. Nese momento iniciarase a parte gastronómica da festa, co reparto de chourizos asados (elaborados con porcos caldelaos e curados con fume de leña de carballo ao estilo tradicional), pan da zona de forno de leña e viño da Ribeira Sacra, desta volta en cuncas de barro.

A Festa dos Fachós é unha ancestral tradición que non se interrumpiu nin sequera na época franquista, pese a estar prohibida. Hoxe na súa organización, en mans do Concello, involúcranse numerosas persoas e a súa preparación comeza xa un ano antes. “O elemento esencial desta festa é a palla e non se consegue facilmente, de feito seméntase o centeo, logo faise a sega, a carrexa e a malla ao uso tradicional e, finalmente, os fachós”, conta a rexedora.

Tras a procesión, ten lugar unha degustación de chourizos de Catro Cadelas que se asan nas proximidades do adro do santuario./ Foto: Carlos G. Hervella.

A isto súmanse os artesáns dos chourizos, os voluntarios que portan o gran fachón… e os profesionais que velan pola seguridade no desenvolvemento da festa: Protección Civil, o GES de Castro Caldelas e a Garda Civil. “Ademais de manter a tradición, a festa aporta valor e turisticamente é un revulsivo importante”, resalta a alcaldesa.

Texto: A.R.
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button