ConcellosÚltima hora

Castro Caldelas prepárase para celebrar os Fachós

Esta vila acollerá "entre lusco e fusco" o 19 de xaneiro esta tradicional procesión de lume

O gran fachón abrindo a procesión polo casco antigo de Castro Caldelas./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Arredor das 19:15 h. do domingo 19 de xaneiro porase en marcha o ritual da Festa dos Fachós de Castro Caldelas. Dende o adro da igrexa dos Remedos comezará a tradicional procesión cun San Sebastián de palla, seguido do Gran Fachón (de nunca menos de 30 m).

A partir de aí percorrerá as empinadas rúas do casco histórico da vila, dando a volta o Castelo, todo elo en completa escuridade a excepción da iluminación ornamental do Castelo. Detrás del irán os máis de 500 fachós individuais que o Concello pon o dispor dos participantes, todo elo acompañado da música de charanga e tradicional. “A ledicia, a participación da xente da bisbarra e visitantes, o compañeirismo e bo humor será o xeito de celebrar os Fachós”, asegura a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega.

Ao remate do percorrido, os restos dos Fachós depositaranse nunha gran fogueira que se atopa na entrada do Santuario e comeza o aspecto gastronómico e musical.

Nela cobrarán protagonismo os chourizos feitos e curados con fume de carballo de Castro Caldelas, o pan artesán de forno de leña, o viño da DO Ribeira Sacra, ademais dunha “Queimada”, coa que se porá  toque final á festa, que este ano estará animada pola Charanga Terras do Bibei de Trives e o grupo Os Trabazos.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button